Traballadores/as das axencias marítimas proseguen coas mobilizacións por un convenio digno
Traballadores e traballadoras das axencias marítimas da provincia da Coruña continuaron na tarde deste mércores co calendario de mobilizacións para esixir que se negocie un convenio colectivo digno que recolla melloras sociais e remate coa conxelación das condicións laborais que o persoal vén sufrindo dende hai unha década. As concentración, convocadas pola CIG, realizáronse diante da Autoridade Portuaria de Ferrol e da Autoridade Portuaria da Coruña.
A patronal do sector, constituída maioritariamente polas empresas TMGA, Pérez Torres, Berge e DSV, pretende deixar conxeladas, unha vez máis as condicións laborais do persoal, que levan sen actualizar dende o ano 2009. Todo isto, advirte a FGAMT-CIG, coa complicidade de CCOO e UGT "que a cambio dunha esmola deixan sen negociar a conciliación laboral, a xornada, o sistema retributivo, as licencias e permisos retribuídos, a prevención de riscos laborais etc." dun convenio que afecta a máis de 500 traballadores/as de axencias marítimas da Coruña.
Na última reunión celebrada o día 3 de xuño, CCOO e UGT volveron asumir a postura da patronal, centráronse só no aspecto económico "e esquecendo o resto de reivindicacións sociais que se incluían na plataforma sindical conxunta". Por parte destes sindicatos propúxose unha mínima suba do 1% para 2020 e IPC real máis un punto para 2021, mentres que a patronal se ratificou na súa miseria do 0.5% para 2020 e do IPC real para 2021.
Negociar as condicións do convenio na súa totalidade
Fronte a isto, a CIG esixe que se negocien as condicións do convenio na súa totalidade "e que nas reunións se deixen de facer o paripé". A última xuntanza, sinala o secretario confederal de Emprego da CIG, Francisco Cartelle, "durou tres minutos de reloxo. Un auténtico insulto".
Cartelle critica que esta negativa da patronal a abordar outros aspectos do convenio "non é novidosa, senón que se está a converter en recorrente, pois é a mesma posición que mantivo na negociación para o período anterior". Subliña que en marzo do ano 2018 se asinou o convenio 2013-2019 por parte da patronal, UGT e CCOO, "despachándose tamén só cun insuficiente incremento salarial".
A patronal aumenta a marxe de beneficios
Neste senso, o secretario da FGAMT-CIG da Coruña, Manuel Camiño, denuncia que "este pacto social vergoñento deixa os traballadores nunha situación precaria e cunhas condicións laborais mínimas mentres o sector de axencias marítimas aumenta a súa marxe de beneficio". Así, lembra que o porto da Coruña logrou en marzo a segunda maior subida de tráficos de todo o sistema portuario español e o movemento de mercadorías alcanzou 1,22 millóns de toneladas, un 34% máis que en marzo de 2020.
A próxima xuntanza da mesa está convocada para o 21 de xuño, e á espera do que poida dar de si, a CIG continuará coas mobilizacións para visibilizar a situación de precariedade laboral que atravesa o persoal deste sector e na demanda dun convenio provincial digno.