Operarios/as da automoción percorren as rúas de Vigo para reivindicar un futuro industrial para o sector
Varios centos de traballadores/as e de delegados/as sindicais da CIG na automoción de Vigo, Pontevedra e Ourense percorreron hoxe as principais rúas viguesas en manifestación para reivindicar un futuro industrial para o sector e rexeitar os ERTE indiscriminados que manteñen a milleiros de operarios/as en situación de desemprego.
A marcha, que fai parte da campaña da CIG-Industria en defensa do sector galego do automóbil, desenvolveuse a partir das 10:00 horas entre a fábrica do grupo Stellantis (antiga PSA Citroën) e a delegación da Xunta na cidade. Á cabeza da manifestación despregouse unha faixa na que se podía ler “Por un futuro industrial para o sector da automoción”, e polo medio da comitiva outra faixa denunciaba que os ERTE no sector supoñen “roubo e explotación” para a clase traballadora que os padece.
Durante o percorrido, que rematou diante do edificio da Xunta coa lectura dun manifesto, berráronse consignas como “Non aos ERTE na automoción”, “Sen industria non hai futuro”, “Emprego digno na automoción”, “Non, non, non á deslocalización” e “Feijóo, escoita, a automoción está en loita”.
O secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, foi o encargado da intervención final, que comezou denunciando que máis de 20.000 empregados/as do sector se atopan na actualidade no desemprego como consecuencia das paradas que está a facer Stellantis pola falta de semiconductores “dun día para outro, sen solución de continuidade e sen saber cando e como imos volver ao noso posto de traballo”.
E iso nun contexto no que os grandes fabricantes de microchips seguen anunciando investimentos millonarios noutras partes do mundo, mentres os Gobernos español e galego seguen a mirar para outro lado, acordando o Executivo de PSOE/Unidas Podemos a ampliación dos ERTE sen garantías dentro das mesas do chamado diálogo social. “E o Goberno do PP de Núñez Feijóo segue agardando a ver que pasa cos fondos europeos, pensando que isto vai ser a solución a todos os males da súa falta dunha política industrial para o país”.
Lamentou que a única solución que hai enriba da mesa é a chegada de fondos europeos para cambiar o modelo produtivo por unha economía verde, respectuosa co medio ambiente e que incentivará as fontes de enerxía renovábeis e os vehículos limpos. “Pero a situación estase a agravar aínda máis polo encarecemento e falta de subministros a nivel mundial no que respecta ao aceiro, aluminio, complementos plásticos a nivel mundial”.
Inseguridade laboral
Como consecuencia, a situación nas empresas é de unha inseguridade total. “Estamos a ver como as nosas compañías corren o perigo de peches e deslocalizacións ante o novo futuro do sector do automóbil, até o punto de que moitas persoas nin sequera regresarán ao seu posto de traballo”.
Por iso reivindicou a necesidade de afrontar o futuro do sector sen que sexan sempre os cadros de persoal das empresas os que paguen a crise e apelou á necesidade seguir na mobilización e na loita. “É necesario que as fábricas de compoñentes (e non só de compoñentes) estean a carón da factoría principal”. Polo que considera que ten que ser o Goberno galego o que debe activar un plan para a atracción destas plantas e evitar a deslocalización das empresas.
Neste senso, demandou unha “aposta firme e decidida” pola construción da planta de baterías “se queremos ter futuro no sector da automoción”. Diante disto, anunciou que a CIG seguirá saíndo á rúa para reclamar a aplicación de políticas que defendan os nosos dereitos e que garantan emprego digno na nosa terra, así como para rexeitar a aplicación de ERTE de forma indiscriminada e sen garantías, “e en contra desa reforma laboral tan nociva para a clase traballadora”.
Finalmente, incidiu en que a central sindical aposta por sectores industriais como o da automoción, “xa que para nós si é un sector estratéxico e esencial para o país e para a nosa economía, e polo tanto para a creación de emprego digno e de calidade”.