Traballadoras/es do sector da limpeza de Lugo mobilízanse por un convenio xusto e unhas condicións salariais dignas
O calendario foi acordado na asemblea celebrada na tarde do xoves, na que o persoal valorou de xeito moi negativo a proposta económica presentada pola patronal, que nin sequera vai compensada con melloras sociais.
A parte empresarial pretende conxelación salarial para o ano 2015 e uns ridículos incrementos do 0.40% para 2016 (o que suporía unha suba de 3.60 euros/mes) e do 0.60% para 2017 (un incremento de 5.25 euros/mes).
O persoal, explican dende a CIG-Servizos de Lugo, entende que esta oferta non é máis que unha “miserenta esmola”, e aposta dun xeito claro por defender a dignidade do sector. Para isto, aprobaron un calendario de mobilizacións a desenvolver durante todo o mes de xuño en diferentes puntos.
A primeira das protestas desenvolveuse na sede de Limpiezas Novoa, que ostenta a presidencia da asociación de empresas de limpeza da provincia. A próxima cita será o día 10, cunha concentración no Edificio multiusos da Xunta.
A este respecto, dende a CIG anímase ao persoal a participar nas protestas en demanda dun convenio xusto e un salario digno. Neste senso, denuncian que este é un sector absolutamente feminizado e precarizado, xa que preto do 90% do persoal traballa a tempo parcial, “polo que cobran moi por debaixo do SMI”.
Nun comunicado das tres centrais sindicais advírtese que “estamos a falar dun sector de traballadoras/es totalmente empobrecido, polo non imos permitir que a patronal camiñe cara a explotación laboral”.