Traballadoras/as do Hospital Quirónsalud reclaman a readmisión das catro compañeiras despedidas
Traballadoras e traballadoras do Hospital Quirónsalud da Coruña concentráronse este mediodía diante do centro sanitario privado para reclamar a readmisión das catro compañeiras e compañeiros do departamento de admisión despedidas a finais de abril. A empresa xustifica a súa decisión na dixitalización de todos os procesos administrativos, malia que esta transformación está supondo máis carga de traballo polas incidencias constantes que se rexistran.
A presidenta do comité, Laura Méndez, denuncia que estes despedimentos se executaron sen previa comunicación á representación legal, sen que a empresa facilitara o volume de traballo realizado por este persoal e cando existe unha sobrecarga laboral na área de administración. A este respecto, subliña que ademais das súas tarefas diarias, o persoal de administración debe resolver os erros que provocan os programas informáticos, cuxa implantación ten incrementado notablemente a súa carga de traballo.
A isto hai que engadir que nesta categoría profesional, antes da dixitalización, xa había unha ratio de persoal moi axustada para poder asumir todas as funcións que teñen encomendadas. Por iso, reclamoulle á empresa a readmisión inmediata das despedidas/os, que facilite os datos obxectivos e reais do traballo realizado por estas compañeiras e compañeiros, así como "o total de incidencias que somos coñecedoras/es que se producen, e quen realiza a corrección das mesmas nos distintos centros de traballo".
Para o comité estes despedimentos non teñen xustificación e o único obxectivo da empresa é diminuír custes de persoal, reducindo efectivos na área administrativa "para fomentar, segundo recoñece nas comunicacións entregadas ás e aos traballadores, a competitividade e garantir a súa sostibilidade como empresa no sector".
"A dixitalización, salientou Méndez, non pode ir ligada a unha redución de persoal. Somos un hospital, non se pode substituír a dotación de persoal por máquinas que empeoran a calidade asistencial", reiterou.
Os despedimentos chegan en pleno conflito polo convenio
A presidenta do comité puxo o acento tamén no feito de estes catro despedimentos se producen nun contexto de conflito pola negociación do convenio colectivo da sanidade privada da Coruña, cun seguimento neste hospital de case o 100% do persoal nas nove xornadas de folga, parando a totalidade da actividade administrativa e asistencial.
Ademais, resulta cando menos sorprendente que as comunicacións se fixeran no mesmo día que a parte social aceptaba unha mediación no Consello Galego de Relacións Laborais, e suspendía as catro xornadas de folga previstas para a próxima semana, como mostra da predisposición negociadora.
Esta redución de persoal prodúcese tamén nun momento de medre do grupo empresarial, que o ano pasado tivo 4.470 millóns de euros de ingresos, cun EBIT de 580 millóns de euros, e unha previsión para 2024 de crecemento acelerado dos beneficios. Grupo Quirón é unha das principais empresas na sanidade privada do Estado e goza ademais de concertos millonarios coa administración pública.
"É indecente que por enriba de todos os beneficios que ten, Quironsalud queira reducir persoal para aumentar os beneficios, tendo as traballadoras nunha situación de precariedade absoluta", denunciou.