Persoal do centros de chamadas reclama un convenio que dignifique as súas condicións laborais e salariais
Traballadoras e traballadores dos centros de chamadas de Galiza están secundando este martes a quinta xornada de folga en demanda dun convenio colectivo que dignifique as condicións laborais e salariais no sector. A folga, convocada pola CIG, está rexistrando un seguimento de máis do 50% do persoal. Ademais, con motivo do paro, a central nacionalista realizou concentracións nas cidades da Coruña e Vigo e diante do Centro de Integrado de Emerxencias da Estrada.
Sobre o seguimento da folga, a CIG denuncia os abusivos servizos mínimos decretados pola Xunta de Galiza no 061 -que foron do 100%, impedindo así o dereito fundamental á folga-, e no 112, servizo no que se estabeleceron uns mínimos do 80%. Aínda así, o 20% restante do persoal que si puido secundar o paro, fíxoo na súa totalidade.
Sen avances na negociación
A coordinadora do sector na CIG, Patricia Cordo, lembra que o convenio se está negociando dende hai máis dous anos e medio pero neste tempo foi imposíbel avanzar nun acordo, xa que a patronal apenas se moveu das súas posicións, Neste senso, denuncia a falta de vontade real da patronal para negociar, condenando así o persoal a ter as condicións laborais e salariais conxeladas dende 2019.
Sinala que nun sector caracterizados polas baixas retribucións e as xornadas parciais, e tras catro xornadas de folga, a patronal só ofertou unha suba do 2,5% a conta do convenio dende xaneiro deste ano, o que suporía, como máximo, un incremento de 30 euros ao mes para aquelas traballadoras e traballadoras que teñan xornada completa. Un aumento, advirte, "que non garante sequera o mantemento do poder adquisitivo".
Cordo apunta tamén á precariedade na contratación que se dá neste sector, cunhas elevadas taxas de temporalidade e parcialidade “que sumado aos salarios cativos, que nas categorías nas que se concentra a maior parte do persoal xa foron superados polo SMI, lévannos a uns salarios medios que non superan os 800 euros mensuais”. Unhas remuneracións insuficientes para chegar a fin de mes, máis aínda neste momento de medre insostíbel da carestía da vida.
A isto engádese que as empresas tampouco están compensando os gastos xerados polo teletraballo, que foi imposto ás presas durante a pandemia sen ningún tipo de dereitos e incluso sen proporcionar os medios necesarios para o desenvolvemento do traballo.
A patronal quere recortar dereitos consolidados
Pero ademais, a patronal insiste na súa pretensión de reducir dereitos xa consolidados no convenio, como baixar a tres horas médicas ao mes, eliminar o máximo de 39 horas semanais e poder distribuír as 1764 horas anuais ao seu antollo, facer a distribución de fins de semanas libres en cómputo anual, eliminar o permiso de nacemento, non poder gozar de excedencia en xullo, agosto e o nadal, reducir o complemento de Incapacidade Temporal debido os altos niveis de absentismo, ou incluír como falta moi grave colgar unha chamada.
Fronte a esta proposta de recortes e precariedade, a CIG reclama un convenio colectivo que, dunha vez por todas, dignifique as condicións de traballo e os salarios e que recoñeza a profesionalidade do persoal, rachando con esa idea de que este é un sector de segunda e aínda en construción.
Por iso, as e os representantes da central nacionalista animan a todo o persoal a seguir pelexando e dar unha resposta contundente "porque só a través da mobilización conseguiremos un convenio xusto e un salario digno".