Traballadoras/es do Hotel Almirante mobilízanse contra o novo ERTE que vai aplicar a empresa
Traballadoras e traballadores do Hotel Almirante de Ferrol concentráronse na mañá deste mércores diante do establecemento para rexeitar a decisión da empresa Carrís Hoteles de aplicar un novo ERTE para todo o persoal até abril de 2023. Na protesta, convocada pola CIG-Servizos, denunciouse a falta de interese da compañía por retomar a actividade do Almirante e a precaria situación na que queda o persoal, que dende o inicio da pandemia xa encadeou varias regulacións de emprego.
Para a CIG-Servizos de Ferrol o estremo máis preocupante deste novo ERTE é que o persoal xa ten parte da prestación por desemprego consumida "podéndose dar nun futuro a medio prazo a situación de que cando finalmente a empresa decida pechar (se é que así acontece) non teñan unha prestación o suficientemente longa para cubrir o período da busca do novo traballo".
Neste senso, Xabier Rodríguez advirte que o verdadeiro obxectivo de Carrís Hoteles con esta regulación é quitar de diante os traballadores e traballadoras mentres non se resolven os litixios que ten abertos co propietario do inmoble. Por iso, a CIG-Servizos non comparte os argumentos achegados pola empresa durante o período de consultas, que alega malas condicións debido a unha avaría no sistema de saneamento de augas fecais.
Avaría que é responsabilidade do Concello de Ferrol, "que xa leva meses reparada, e que o queda por facer son as tarefas de limpeza e reparación das máquinas danadas (bomba de achique, grupo electróxeno, etc.), das cales ademais tería que facerse cargo o Concello de Ferrol, nin tan sequera a empresa", explica o representante da CIG-Servizos.
Advirte da pouca intención da empresa Carrís Hoteles para pór en funcionamento o hotel ferrolá, "máis preocupada polo sostemento do resto de negocios que ten no país e no estranxeiro que por darlle unha oportunidade ao Almirante, dando a amarga sensación de que non amosan interese algún polo hotel máis emblemático e simbólico da comarca".
Hai que salientar que o persoal deste centro de traballo ten antigüidades "que se miden por décadas" e a maioría dos traballadores e traballadoras xa prestaban servizos neste establecemento antes da entrada de Carrís e das súas prácticas especuladoras.