Traballadoras/es de Vegalsa-Eroski reclaman volver ao convenio provincial "do que nunca nos deberon sacar"
Traballadoras e traballadores de Vegalsa-Eroski de toda a provincia manifestáronse este domingo polas rúas da Coruña para reclamarlle á compañía que regrese ao convenio colectivo do comercio de alimentación "do que nunca nos deberon sacar". A empresa leva dende 2006 aplicando un convenio propio (que negociou en Madrid con CCOO, UGT e FETICO) e dende entón o persoal está perdendo dereitos e salarios con respecto a outras compañeiras/os do sector.
Até 3000 euros máis ao ano, unha xornada anual inferior, máis días de asuntos propios ou poder gozar de tres sábados libres ao ano a elixir sen alterar o resto do calendario. Estas son algunhas das diferenzas que existen entre as traballadoras e traballadores de Vegalsa-Eroski e o persoal regulado polo convenio provincial de comercio de alimentación da Coruña (no que están Gadis ou Froiz).
As peores condicións do sector
Até 2006 Vegalsa-Eroski tamén se regulaba por este convenio sectorial, pero naquela altura a empresa saíu do marco provincial para negociar en Madrid "e sen ningunha oposición, o convenio que lle conviña, condenándonos a perder poder adquisitivo ano tras ano e a empeorar as nosas condicións de traballo".
O resultado é que o persoal desta cadea ten actualmente as peores condicións económicas de todo o sector, traballa máis horas ao ano, dispón de menos licencias e até perdeu o dereito ao plus de transporte. As delegadas da CIG denuncian que incluso no convenio de Eroski o tempo de descanso para as xornadas superiores a 6 horas non se contabiliza como tempo de traballo efectivo, "o que supón que cada ano traballamos unhas 60 horas máis que as compañeiras e compañeiros que están no convenio provincial".
E mentres o persoal ao que se lle aplica o convenio provincial vai cobrar este mes uns 600 euros de atrasos, "nós somos cada día máis pobres". Por iso, a consigna da manifestación deste domingo foi clara: regresar ao convenio provincial "do que nunca nos deberon sacar".
Eroski quere perpetuar a precariedade pasando ao convenio de grandes almacéns
A este respecto, explican que retoman agora esta reivindicación porque a nova reforma laboral estabelece que un convenio de empresa non pode ter condicións inferiores ás do convenio sectorial de referencia. E por iso, o grupo Eroski (que en Galiza opera cunha sociedade ao 50% con Vegalsa, empresa propietaria da coñecida cadea de supermercados Familia) iniciou un proceso de negociación en Madrid co obxectivo de pasar a aplicar o convenio estatal de grandes almacéns.
Pero este convenio tamén contempla salarios e condicións máis baixas que as recollidas no convenio de comercio de alimentación da Coruña, de maneira que aquelas persoas que por antigüidade ou categoría perciben retribucións máis elevadas ficarían cos soldos conxelados durante anos.
A CIG dubida da legalidade de pasar ao marco estatal, xa que esta cadea de supermercados non pertence ao sector de grandes almacéns. Ademais, este cambio suporía perpetuar a precariedade e a pobreza laboral que padecen as traballadoras e traballadores de Eroski-Vegalsa. Como exemplo, as delegadas da CIG subliñan que as subas pactadas no convenio de grandes almacéns para 2021 e 2022 son dun miserento 1%, mentres que no convenio provincial xa están negociadas subas de entre o 12% e o 16% para os próximos tres anos.