Traballadoras/es de Eroski-Familia reclaman condicións salariais e laborais dignas
Traballadoras e traballadores de Eroski-Familia manifestáronse este domingo polas rúas da Coruña para reclamar unhas condicións salariais e laborais dignas. Na marcha participou persoal da provincia da Coruña e de Pontevedra, dando así continuidade ás mobilizacións que a CIG iniciou dende hai meses para demandarlle á empresa que regrese ao convenio do comercio de alimentación, do que saíu no ano 2006 para pasar a aplicar un convenio propio de condicións inferiores negociado en Madrid.
Na mobilización denunciouse que os salarios en Eroski (que en Galiza opera como unha sociedade co grupo Vegalsa) son os máis baixos de todo o sector e ademais é a empresa que ten as peores condicións laborais. Por imperativo legal, Eroski-Familia tivo que actualizar as retribucións do persoal, xa que as táboas salariais dun convenio de empresa non poden estar por debaixo das que marca o convenio sectorial de referencia.
Pero a compañía, en lugar de atender as demandas da CIG, adoptou as táboas do convenio estatal de grandes almacéns, cuxos salarios seguen sendo substancialmente inferiores aos do convenio do comercio de alimentación da Coruña e Pontevedra. Pero a actitude de Eroski-Familia resulta tan ruín, subliñan, que foi ás táboas máis baixas, topou as contías que corresponden por antigüidade e non incorporou sequera o plus de transporte que recolle o convenio de grandes almacéns (o que lles permitiría cobrar 1000 euros máis ao ano).
O secretario de Negociación Colectiva da CIG-Servizos, Adolfo Naya, dubida da legalidade de adoptar as contías económicas deste convenio, xa que o marco regulador de referencia é o do comercio de alimentación e non o de grandes almacéns. Neste senso, subliña que esta tamén é unha loita polo dereito a ter un marco de relacións laborais próximo e que os convenios colectivos "se negocien en Galiza e non en Madrid, onde as traballadoras non teñen capacidade de decidir e incidir sobre o que se negocia".
Máis xornada anual e menos licencias
A solución adoptada por Eroski-Familia supón condenar as traballadoras e traballadores a seguir sendo os peor pagados do sector, mais tamén á precariedade laboral, pois dende o ano 2006, o persoal perdeu dereitos a nivel de xornada e licencias con respecto ás compañeiras e compañeiras de Gadis ou Froiz.
Así denuncian que "traballamos 70 horas máis ao ano ao non computársenos como tempo efectivo de traballo os 20 minutos de descanso; non temos recoñecidos os tres días de asuntos propios, nin o dereito a coller tres sábados ao ano sen que se nos mova o resto do calendario; e incluso a redución da xornada por garda legal só se permite até que a crianza cumpre os 12 anos".
Por iso, xa avanzan que continuarán coas mobilizacións porque "nós o que queremos é cobrar e ter as mesmas condicións que as compañeiras de Gadis ou Froiz".