![Confederación Intersinidical Galega](/assets/cig/2022/logos/cig.png)
Traballadoras/es de DomusVi Ferrol concéntranse para esixir a readmisión da compañeira despedida
![](assets/images/f/21-07-01_Concentracion_despedimento_DomusViFerrol_03-222b7bef.jpg)
Traballadoras e traballadores das residencias de DomusVi Ferrol concentráronse este xoves diante das oficinas do SMAC , para amosar o seu apoio e solidariedade coa compañeira despedida e para esixir á súa readmisión.
![](imaxes/adaptadas/780/files/novas/2021/07/01/DomusVi/21-07-01_Concentracion_despedimento_DomusViFerrol_01.jpg)
Tanto o comité como a CIG entenden que este despedimento non ten xustificación e que a causa utilizada por DomusVi, o baixo rendemento, non se sustenta "tendo en conta que a traballadora estivo de baixa o ano anterior ao despedimento". No propio acto de conciliación deste xoves, a empresa recoñeceu a improcedencia do despedimento, mais a traballadora recorrerá a decisión en vía xudicial para pedir a súa nulidade.
Nesta decisión empresarial non hai que perder de vista que a traballadora foi nas listas da CIG nas última eleccións sindicais (celebrada a finais do ano 2020), polo que parece claro "que este despedimento non é máis que un acto de represión sindical encuberta e unha maneira de amedrentar as compañeiras que cada vez, en máis número, están a reclamar os seus dereitos laborais".
![](imaxes/adaptadas/780/files/novas/2021/07/01/DomusVi/21-07-01_Concentracion_despedimento_DomusViFerrol_05.jpg)
De feito, salienta Beatriz Fernández, responsábel de residencias privadas da CIG-Ferrol, no último ano neste centro as traballadoras presentaron varias reclamacións xudiciais contra a empresa par que se lle respectaran e recoñeceran os seus dereitos, que se resolveron todas a favor das compañeiras.
O pasado mes de marzo, a CIG-Servizos xa realizou unha concentración en rexeitamento á represión sindical que a dirección está a exercer sobre as delegadas do comité e as traballadoras que apoiaron as denuncias públicas sobre a precaria situación laboral e asistencial que se vive neste centro.