Traballadoras/es da limpeza da Coruña reivindican cunha caravana de vehículos un convenio con dereitos e melloras salariais
Traballadoras e traballadores da limpeza da provincia da Coruña realizaron esta mañá unha caravana de vehículos pola cidade herculina para esixir un convenio digno e con dereitos fronte aos recortes que pretende impor a patronal baixo a escusa da pandemia. A marcha saíu da explanada do edificio de sindicatos pouco despois das 11:00h, a onde regresou sobre ás 13:30h, tras percorrer toda A Coruña pasando por diante das oficinas das principais empresas do sector.
Esta mobilización enmárcase no calendario de accións que as centrais sindicais CIG, UGT e CCOO están a desenvolver ante as propostas das dúas patronais para o novo convenio, que cualifican de "tomadura de pelo", xa que pretenden eliminar o dereito á xubilación parcial e o artigo 8 do convenio, que regula o dereito a ampliar xornada cando haxa vacantes ou postos libres no centro de traballo ou na empresa. E por se non fora abondo, a patronal propón un 0% de incremento salarial no ano 2020 e un miserento 0,8% para 2021.
Paulo Rubido, representante da CIG na mesa de negociación, denuncia que as empresas pretenden aproveitarse da emerxencia sanitaria da Covid-19 para recortar dereitos e conxelar salarios, cando este é un dos sectores que se está a beneficiar da pandemia e no último ano incrementou a súa facturación polo reforzo das horas de limpeza e as desinfeccións. De feito, o persoal de limpeza ten consideración de esencial e estivo traballando dende o inicio da crise sanitaria, en moitos casos sen as medidas de protección necesarias, sen que este esforzo se vexa para nada recoñecido nos seus salarios.
A representación social, engade Rubido, propuxo pactar primeiro os salarios do ano 2020, para despois continuar co resto da negociación do convenio, algo que a patronal rexeitou. "Pero xa lle deixamos claro que pelexaremos polo incremento dos salarios para este ano e que non imos modificar nin a xubilación parcial nin a cobertura de vacantes" aseverou.
Xuntanzas cos grupos parlamentares
Ademais das accións de rúa, as centrais sindicais solicitaron reunirse cos grupos políticos do Parlamento galego e onte mesmo mantiveron un encontro co BNG a quen lle trasladaron a repercusión que terá a convocatoria de folga no sector, tendo en conta a situación actual e que este convenio regula as traballadoras e traballadores da limpeza de centro educativos, centros de saúde, PAC, edificios públicos etc. Para o vindeiro luns está prevista o encontro co grupo parlamentar do PSOE e estase á espera de resposta por parte do PPdeG.
Por parte da patronal, apuntou Rubido, non houbo novas propostas dende a última mesa polo que, de non producírense avances nas próximas semanas, as centrais sindicais farán unha rolda de asembleas xerais do persoal en Santiago, Ferrol e A Coruña xa para preparar a folga en defensa dun convenio con dereitos e melloras salariais para as máis de 10.000 traballadoras e traballadores da provincia a quen se lles aplica este convenio.