Traballadoras/es do Hotel Almirante levan as súas protestas ao pleno de Ferrol
Traballadoras e traballadores de Carrís Hoteles concentráronse esta tarde no Concello de Ferrol en protesta pola decisión da empresa de manter nun ERTE inxustificado até abril de 2023 á totalidade do persoal do Hotel Almirante. A protesta, convocada pola CIG-Servizos, realizouse coincidindo coa celebración do pleno municipal no que se debateu unha moción -presentada polo BNG- en defensa do persoal afectado, que foi aprobada por unanimidade da Corporación.
O 27 de setembro, o alcalde de Ferrol comprometíase coa CIG a intervir no conflito e intentar contactar coa dirección da empresa e co propietario do inmoble para "tratar de mediar na problemática e paliar os efectos nocivos da paralización da actividade no Hotel", explica Xabier Rodríguez da CIG-Servizos de Ferrol.
A resposta da central foi que se conseguía reunir as partes "tamén resultaría beneficiosa a asistencia da delegada de persoal do centro para poder debater entre todas as partes implicadas no conflito". Pero a día de hoxe "e dúas semanas despois, continuamos a esperar novas sobre o asunto, e mentres tanto o tempo pasa e o problema segue sen resolverse".
Cómpre lembrar o Hotel Almirante leva pechado dende a declaración do estado de alarma no mes de marzo de 2020, agás por un pequeno período de tempo no que traballou como servizo esencial, sendo este un dos 49 hoteis do país que abriron por tal causa durante a pandemia.
A situación do persoal agrávase porque a maioría xa esgotou as súas prestacións contributivas, e neste momento as persoas que poden estase acollendo a un subsidio non contributivo.