Traballadoras do SAF quentan motores de cara á folga indefinida por un convenio digno
Traballadoras dos servizos de axuda no fogar concentráronse este mércores diante das oficinas dalgunhas das principais empresas do sector para amosar o rotundo rexeitamento ao preacordo de convenio colectivo asinado por CCOO e UGT coa patronal e demandar condicións laborais e salariais dignas.
As protestas desenvolveron nas oficinas de Clece na Coruña, de Servisar (grupo DomusVi) en Vigo, de Samaín Servizos (Grupo Clece) en Fene, de Sacyr Social en Lugo, de FEPAS en Monforte, e na Praza do Obradoiro de Santiago. As concentracións, ademais, preceden á folga indefinida que a CIG ten convocada nos SAF de todo o país a partir do próximo 2 de novembro.
Un preacordo que consolida a precariedade
Precariedade e escaso recoñecemento social marcan o día a día das traballadoras que prestan un labor básico para centos de persoas en toda Galiza como é servizo de axuda no fogar. Un servizo público do que a Xunta de Galiza se desentendeu, traspasando a súa prestación aos concellos, que á súa vez deixan a xestión destes coidados en mans de empresas privadas, máis preocupadas por obter grandes beneficios que por garantir unhas condicións laborais e asistenciais dignas.
Agora, cun convenio sen actualizar dende 2011 e tras as situacións dramáticas vividas durante a pandemia, a patronal non só pretende consolidar esta precariedade non garantindo sequera o mantemento do poder adquisitivo cunhas subas salariais acordes ao IPC, senón que incluso busca crear unha dobre escala salarial con dúas táboas diferenciadas en función de cando se liciten os contratos.
Isto provocaría, denuncia a secretaria nacional de CIG-Servizos, Transi Fernández, que ás traballadoras dun concello no que non se vai sacar o novo concurso até dentro de dous anos, se lles apliquen incrementos salariais do 1% en 2023 e doutro 1% en 2024, mentres que as traballadoras do concello do lado, onde liciten este ano, van ter incrementos do 3,15% en 2023 e do 3,15% en 2024. “Unha terá en dous anos unha suba do 2% e a outra dun 6,30%”, explica.
Cómpre lembrar que o actual convenio recolle unha cláusula de actualización dos salarios en base ao IPC, que se aplicará de maneira automática mentres non se asine un novo convenio. Pero coa mesa constituída e nunha clara chantaxe, as patronais estatais e galegas anunciaron que non aplicarían ese incremento até que se asinara o convenio colectivo e que o farían con carácter retroactivo.
Tampouco se entende, xa que logo, que existindo esa cláusula que é de obrigado cumprimento para as empresas, CCOO e UGT asinen este nefasto preacordo que contempla subas de miseria e discriminatorias a cambio, ademais, de eliminar a cláusula de revisión ligada ao IPC real.
Non hai melloras sociais nin laborais
As traballadoras do SAF levan anos padecendo condicións laborais de absoluta precariedade, cunhas elevadas taxas de parcialidade, sen que se lle respecten os seus dereitos e mesmo subvencionando parte do servizo, xa que, por exemplo, son elas as que poñen os seus vehículos particulares para trasladarse dun domicilio a outro e na maioría dos casos, malia o medre disparado do custe dos carburantes, teñen conxelado o prezo de compensación polo gasto do combustíbel.
A este respecto, no preacordo asinado só se recolle incrementar dos actuais 0,19cts/km a 0,22 céntimos por quilómetro os gastos de combustíbel durante todo o período de vixencia do convenio, isto é, até 2026. Unha compensación “miserenta” para traballadoras con baixos salarios.
A secretaria nacional da CIG-Servizos indica que aínda que hai algunha mellora no preacordo, como a redución de xornada, esta aplicaríase a partir de 22,5 horas en 2024 e de menos de 30 horas en 2026. "É dicir, que en xaneiro de 2026 quedaría a xornada en 1695 horas”. Neste senso, Fernández lamenta que se esqueza que as traballadoras do SAF “traballan todas a tempo parcial, mínimo 25 horas” e que isto non está reflectido na xornada laboral semanal.
Por todo isto, a CIG chama a todas as traballadoras do SAF a participar nas mobilizacións que se convoquen e secundar a folga para amosar o rotundo rexeite a este preacordo e exixir un convenio digno e con dereitos.