Traballadoras do SAF de Ames e Vilalba mobilízanse para esixir o cumprimento do convenio colectivo
As traballadoras que prestan o Servizo de Axuda no Fogar no Concello de Ames e no Concello de Vilalba, concentráronse este venres para demandar o cumprimento do convenio colectivo e que as empresas adxudicatarias (nesta caso Attende Care S.L. e Protección Geriátrica 2005) procedan de inmediato a aplicar a suba salarial do 6.5%, que corresponde polo IPC real de 2021.
Estas mobilizacións enmárcanse na campaña que a CIG-Servizos ten en marcha pola dignificación das condicións laborais e salariais deste sector, que cumpre un papel esencial dentro da sociedade, pero que segue a ser un dos traballos máis precarizados e feminizados que existe.
Tanto na concentración de Ames como na de Vilalba, a representación das traballadoras foi recibida pola Alcaldía, a quen lle explicaron as condicións nas que teñen que desenvolver o seu traballo, os incumprimentos das empresas e lle trasladaron a súa táboa reivindicativa.
Mocións nos Concellos co SAF externalizado
Con esta campaña, a CIG-Servizos está a promover, naqueles concellos que teñen externalizado o servizo e nos que a central sindical conta con representación no SAF, que se debatan e voten mocións nos plenos municipais instando ás administracións responsábeis (Concellos e Xunta) a que demanden das empresas concesionarias o cumprimento do convenio colectivo e se garantan os dereitos laborais das traballadoras.
O que supón aplicar de inmediato a cláusula de revisión salarial do IPC real que contén o convenio e actualizar os salarios nun 6.5%. Pero ademais, con estas mocións búscase recoñecer o gran traballo e a función esencial que desempeñan as traballadoras de Axuda no Fogar e unha mellora substancial das súas condicións laborais.
Neste senso, ínstase á Xunta de Galiza (como responsábel destes servizos) a que incremente o prezo do servizo e que este incremento reverta en melloras para as familias e as condicións laborais das traballadoras. Dos Gobernos municipais demándase que supervisen os contratos do SAF e que reclamen das empresas concesionarias o cumprimento da legalidade laboral vixente, garantindo os dereitos do persoal.
Abusos e incumprimentos das empresas
As profesionais destes servizos levan anos denunciando os abusos das empresas concesionarias, que non cumpren sequera cos pregos de condicións, nomeadamente nas cuestións relativas á xornada, descansos ou ao pago pola quilometraxe, pois non hai que perder de vista que traballan en domicilios particulares aos que se desprazan nos seus propios vehículos.
A isto súmase que o convenio colectivo leva dez anos sen negociarse e que agora as empresas néganse a actualizar as percepcións económicas segundo o establecido no seu artigo 7.