Persoal do comercio de alimentación leva as súas reivindicacións por un convenio xusto á sede da patronal de Lugo
Coincidindo coa xuntanza da mesa de negociación, a CIG realizou unha concentración este mércores diante da sede da patronal de Lugo para reclamar un convenio colectivo con salarios dignos e melloras laborais reais para as traballadoras e traballadores do comercio de alimentación da provincia.
Na xuntanza, a patronal (encabezada por Gadis e Froiz) moveu un 0.25% a súa proposta económica para os anos 2024 e 2025 (quedando polo tanto os incrementos para eses anos no 3.25%) e subiu o abono dos atrasos correspondentes ao ano 2022 dos 350€ aos 650€, máis nun pago único e con independencia de categoría e antigüidade que teña o persoal.
Con respecto da xornada, a patronal propuxo hoxe unha diminución de cinco horas anuais, que a parte social considera insuficiente.
No vindeiros días, a central nacionalista ten previsto realizar unha rolda de asembleas co persoal para avaliar a situación da negociación, estabelecer as liñas vermellas de cara á reunión coa patronal o vindeiro 2 de xuño e marcar as accións a realizar na demanda dun convenio digno para un sector que dende o inicio da pandemia non fixo máis que disparar os seus beneficios mentres o persoal se empobrecía, día tras día.