Traballadoras de SAF de toda Galiza concéntranse no CGRL en demanda dun convenio digno
Traballadoras de Servizos de Axuda no Fogar (SAF) de distintas parte de Galiza concentráronse esta mañá diante do Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL) coincidindo coa celebración dunha nova mesa de negociación do convenio galego. Unha mobilización que, en función dos avances que se produzan na xuntanza de hoxe, pode ser antesala doutras para reclamar un salario digno.
Tal e como explicaba a secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, o convenio galego de Axuda no Fogar leva sen negociarse desde o ano 2011. A patronal intentou mesmo rexeitalo e desfacer a súa asociación en 2012 para poder pasar así ao convenio estatal. Unha pretensión que foi frustrada por decisión xudicial. “A partir de aí non fomos quen de que as asociacións se reuniran para poder constituír a mesa de negociación”, dixo.
Dobre escala salarial
Nestes momentos está constituída a mesa pero tras da celebración de tres xuntanzas non conseguiron achegar posturas. Fernández afirma que a peor proposta se presentou na última. “A patronal manifestou a súa pretensión de crear dúas escalas salariais dependendo do ano de concesión que ten cada empresa nos concellos”.
Hai concesións que teñen dous anos en vigor, outras que acaban este ano ou o que vén. “Eles o que fan é dar dúas propostas salariais, que pode chegar o caso que supoñan unha discriminación salarial e que traballadoras dun concello cobren máis que outro ou viceversa”, denuncia a secretaria nacional de CIG-Servizos. Esta diferenza salarial, engade, “a van ter durante 3-4 anos e a diferenza é bastante porque pode estar en arredor dun 6% nun concello a menos dun 6% noutro”.
En todo caso todas estas propostas da patronal limítanse a un incremento que non inclúe revisión salarial. Tamén se limitan a unha rebaixa de xornada, pero no ano 2026, é dicir, “aínda nos quedaría moito tempo polo convenio”.
O 6,5% non se negocia
No decurso da mobilización unha das consignas máis coreadas polas traballadoras foi a de “O 6,5 non se negocia”. E é que, como denunciaba Transi Fernández antes de se iniciar a xuntanza da Mesa “estamos negociando cando hai empresas que aínda non pagaron o 6,5% do incremento do IPC deste ano”.
Empresas que, como explicou, teñen acumuladas débedas salariais coas súas traballadoras de arredor dun 3,1% e 3,5%. Empresas que son, maioritariamente da asociación estatal e que “se negan a actualizar ese salario até que se negocie o novo convenio colectivo”.
Asembleas de traballadoras
Con estas propostas da patronal na man a CIG convocou asembleas de traballadoras nas distintas comarcas de Galiza para pór en común o proceso de negociación. O resultado foi “que as compañeiras queren mobilizarse e que non queren saber de discriminación salarial, nin de dobre escala. Queren cobrar todas por igual, que se lles pague o 6,5%, que aínda non se lle cumpriu e que se non se cumpre o convenio anterior, difícil é que se cumpra este”.
Municipalización dos servizos
Ademais a secretaria nacional de CIG-Servizos denunciou que a patronal “pídenos que vaiamos da man das traballadoras aos concellos para pedirlles aos diferentes alcaldes e alcaldesas que saquen os novos concursos, que non fagan prórrogas, para así eles poder ter unhas melloras económicas e que nós poidamos gozar dun mellor salario. Isto pode parecer de risa pero así nolo fixeron chegar o outro día”.
Fernández aclarou que a CIG, evidentemente, non o vai. Fronte a iso, dixo “o que lle imos pedir aos concellos é que estes servizos -que están creados por estas empresas, que as veces son máis piratas que outra cousa- sexan municipalizados, que sexan públicos, que os concellos invistan cartos para que as nosas maiores, as nosas dependentes estean atendidas”.
Xunto a isto advertiu que a CIG non vai consentir que se sigan sacando a concurso concertos que “ás veces temos que demandar, porque saen a 12 euros a hora e esta é a vergonza que estamos a padecer nestes momentos”. E concluíu que “hai máis de 5.000 traballadoras nos SAF galegos. Merecen un salario e condicións dignas por coidar as nosas dependentes e aos nosos maiores”.