Persoal das residencias privadas maniféstanse en Arteixo por un convenio digno con salarios xustos

Denuncian a política de xestión privada promovida pola Xunta e a mercantilización dos coidados
Arteixo - 04 Dec 2024

As traballadoras de residencia privadas continuaron este mércores co calendario de mobilizacións para reclamar un convenio colectivo de dignifique salarios e condicións laborais.  Desta volta, a protesta realizouse polas rúas de Arteixo pero cun percorrido recortado á metade pola Delegación do Goberno, xa que, en base ao informe da policía local de Arteixo, non se autorizou toda a parte do percorrido que discorría polo Polígono de Sabón. Unha decisión que a CIG-Servizos rexeita por entender que o único obxectivo é evitar o paso da mobilización polas instalacións de Inditex.

O percorrido orixinal da manifestación, explica o secretario de Negociación Colectiva da CIG-Servizos, Afolfo Naya, tiña prevista a saída na sede de Inditex e rematar na residencia de maiores de Arteixo (xestionada por SIAD 24 Galicia, Cogami e Combina Social), co obxectivo de denunciar que "as instalacións que a Fundación Amancio Ortega dona á administración, e que a Xunta vende como parte da rede pública, acaban todas sendo de xestión privatizada, perpetuando o modelo de mercantilización dos coidados e de explotación laboral das traballadoras do sector".

A este respecto, critica que se estea antepoñendo o interese de empresas privadas a un dereito fundamental como é o dereito de reunión e manifestación, mentres a Consellaría de Política Social "segue sen asumir as súas responsabilidades, sen exercer o seu labor inspector e apostando pola privatización e a precarización do sector".

Naya lembra que as traballadoras están en loita para reclamar un convenio colectivo digno ante a insuficiente proposta presentada pola patronal, que foi rexeitada por amplísima  maioría nas asembleas de persoal. Critica que, fonte aos millonarios beneficios obtidos polas grandes empresas do sector, as categorías máis baixas do convenio non alcanzan o SMI, e a meirande parte das categorías profesionais intermedias quedan a 10€ do Salario Mínimo Interprofesional do ano 2024.

Para desbloquear a negociación colectiva ante a parálise patronal, e reclamar salarios xustos e unha mellora significativa das condicións laborais e sociais que permitan avanzar na equiparación coas condicións do persoal das residencias públicas de xestión directa, as asembleas de traballadoras convocadas pola CIG acordaron realizar un calendario de mobilizacións por todo o país, sen descartar a convocatoria de folga nos próximos meses.

As seguintes mobilizacións serán o mércores 11 de decembro en Vigo e o mércores 18 de decembro en Ourense.