Traballadoras das residencias reclaman condicións dignas, salarios xustos e poder dar unha atención de calidade

A CIG mobilizouse na Coruña e Lugo polo desbloqueo da negociación do convenio e contra o modelo privatizador da Xunta
A Coruña/Lugo - 14 Feb 2025

Traballadoras das residencias privadas mobilizáronse este venres na Coruña e Lugo en demanda dun convenio colectivo que dignifique as súas condicións laborais e salariais e na defensa dun modelo de coidados que antepoña o benestar das persoas ao lucro empresarial. As protestas, convocadas pola CIG-Servizos, dan continuidade ao calendario de accións reivindicativas que o persoal está a desenvolver para desbloquear as negociacións e demandar a intervención da Consellaría da Política Social, como administración responsábel do sector.

Na provincia de Lugo fíxose unha concentración ao mediodía diante da residencia da Póboa de San Xiao no Concello de Láncara (xestionada por Serge). Mentres que na Coruña, o persoal saíu en manifestación dende a residencia DomusVi da Cidade Vella até as oficinas da Fundación Amancio Ortega no Obelisco. Para o 28 de febreiro, a CIG xa ten convocada outra mobilización na provincia de Pontevedra.

Precariedade laboral e salarial

Nas protestas, as delegadas da CIG lembraron que dende a sinatura do último convenio (2020-2023) por parte de CCOO e UGT, os salarios perderon un 7,8% do poder adquisitivo ao pactarse subas inferiores ao IPC real. "Se a isto lle sumamos o incremento do SMI nestes anos, atopámonos con que a maioría dos colectivos están por debaixo do salario mínimo". Neste senso, o secretario de Negociación Colectiva da CIG-Servizos, Adolfo Naya, subliñou que coa última suba, "máis do 70% do persoal que traballa neste sector, unhas 12.000 persoas en Galiza, cobran por debaixo do SMI".

Ás baixas retribucións súmase a sobrecarga de traballo que o persoal ten que asumir a causa dunhas ratios obsoletas que non se axustan ás necesidades dos centros "nin permiten que tratemos as persoas residentes como merecen". "Cando falamos de maltrato ás persoas residentes referímonos a que temos un tempo medido para todo, en cinco minutos non podemos asear e vestir a unha persoa, é imposíbel. E así para todas as tarefas", denunciou a responsábel do sector en Ferrol, Beatriz Fernández.

Co agravante de que a Xunta eliminou en decembro pasado a obrigatoriedade de contar coa presenza física de persoal de enfermería as 24 horas, "polo que se está pondo o persoal auxiliar de clínica a dar medicación cando non está formado para esta tarefa", advertiron as traballadoras.

Contar con cadros de persoal exiguos "obríganos a ter que asumir unha sobrecarga de traballo constante que acaba repercutindo na nosa saúde". Neste sector son habituais as baixas por enfermidades muscolo-esqueléticas "que non están recoñecidas como profesionais", coa penalización económica que isto lles supón. "Moitas compañeiras están indo a traballar a pesar de estar enfermas porque non se poden permitir perder nin un só euro".

Por iso, na negociación deste convenio, ademais dunha suba salarial digna, a redución da xornada e melloras sociais, unha das principais reivindicacións da CIG refírese a ampliación das coberturas das situacións de IT.

Outra das problemática que as traballadoras puxeron enriba da mesa son os problemas derivados da decisión da Xunta de Galiza de ingresar persoas con doenzas psiquiátricas en residencias de maiores debido á falta de centros especializados. "Pero nin estamos preparadas para atender este perfil de usuarios/as, nin os tratamentos que se lle teñen que aplicar están validados, nin os centros están adaptados ás súas necesidades. O estres acumúlase e padecemos situacións insostíbeis", afirmou Bea Fernández.

Un modelo que beneficia ás grandes empresas

Na mobilización da Coruña, Adolfo Naya, indicou que co percorrido elixido quíxose pór o foco sobre dúas cuestións: dunha banda sinalar a responsabilidade de DomusVi como principal empresa do sector en Galiza, a que ostenta a representación máis relevante na comisión negociadora e a que se nega de maneira máis contundente a asumir ningunha das reivindicacións sociais.

Criticou que a última proposta da patronal, presentada en outubro pasado, foi de auténtica miseria e dende entón non se produciron máis reunións da mesa de negociación. Por iso, xa avanzou que as mobilizacións continuarán e non se descarta a convocatoria dunha folga de cara á primavera.

Por outra banda, coa escolla do punto de remate da manifestación quíxose denunciar o modelo de coidados da Xunta de Galiza que segue apostando pola privatización dos servizos (o 70% destes centros son privados), sen importarlle nin as condicións laborais nin a calidade que se presta ás persoas usuarias, "o único que interesa é que os grandes grupos e os fondos voitre que controlan as empresas do sector sigan sacando beneficios".

Censurou o desinterese da Consellaría de Política Social pois "aínda que lle solicitamos unha reunión en setembro do ano pasado para tratar a situación do sector, a día de hoxe seguimos sen ter resposta". "Só se acordan das persoas usuarias das residencias para irlles pedir o voto, para non para revisar en que condicións están e garantir unha atención digna", rexeitou Fernández.

De aí, salientou, que con estas mobilizacións tamén se reclame que todas as residencias, centros de día e demais servizos sexan públicos "para rematar co maltrato nos coidados ás persoas maiores e dependentes" e que se avance nas condicións laborais para equiparalas ás que xa ten o persoal das residencias de xestión directa.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.