Traballadoras das escolas infantís privadas mobilízanse na Coruña e Vigo por un convenio digno
Persoal das escolas infantís privadas e de xestión indirecta concentráronse na tarde deste xoves na Coruña e Vigo para demandar un convenio colectivo digno e rexeitar a falta de vontade negociadora das patronais. Estas protestas preceden á xornada de folga convocada en todo o sector para o próximo xoves 29 de xuño, data na que tamén está convocada unha manifestación en Santiago de Compostela que sairá ás 11:30h da Alameda e rematará na Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), na rúa do Vilar.
As organizacións sindicais con representación na mesa de negociación, de ámbito estatal, denuncian a falta de vontade da patronal "para chegar a ningún acordo que permita ás traballadoras recuperar o poder adquisitivo perdido e obter uns salarios dignos e xustos, acordes coa responsabilidade do seu labor educativo e social coas crianzas".
En Galiza hai máis de 200 escolas e máis de 2000 traballadoras e traballadores regulados por este convenio, que desenvolven a súa actividade tanto nos centros privados como naqueles públicos de xestión privada, como é o caso da maioría das escolas municipais de 0-3 anos.
Pero nesta negociación o empresariado busca atrasar e evitar afrontar a actualización dos salarios, que actualmente xa se atopan por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional (SMI), "impedindo así que as traballadoras poidan recuperar o poder adquisitivo perdido". Ademais, negan a necesidade de incrementar o diferencial salarial para as educadoras infantís e tamén se opoñen á aprobación dunhas táboas salariais equilibradas, dignas e xustas para todo o sector.
Neste senso, denuncian que as patronais causaron un grave prexuízo ás traballadoras do sector da xestión indirecta ao impedir o asinamento dunhas táboas salariais vinculadas aos pregos de condicións dos últimos concursos públicos. Esta negativa priva as traballadoras dunha remuneración xusta e acorde coas súas responsabilidades laborais.
Critican o inmobilismo e o involucionismo das patronais, "que está a causar unha constante perda de poder adquisitivo e a permanente intención de recortar os dereitos laborais e sociais. Exiximos, con urxencia, un cambio de rumbo que garanta o futuro do sector e valore e recoñeza o labor socioeducativo que realizan as traballadoras. É fundamental que se tomen medidas para asegurar unha situación laboral digna e xusta para todas as profesionais do sector das escolas infantís".