• Nova

Traballadoras da limpeza en folga sacan as fregonas amarelas á rúa en demanda dun convenio digno

Mañá manifestaranse en Compostela ás 11:30 horas, desde a rotonda de Rosalía de Castro, no campus Sur
Nacional - 11 Mai 2021

Fregona en man, bailando e reclamando a viva voz os seus dereitos. Así se mobilizou esta mañá o persoal de limpeza, coincidindo cunha nova xornada de folga en demanda dun convenio digno para o sector na provincia da Coruña. Unha folga para a que, novamente, se decretaron uns servizos mínimos abusivos que “vulneran o dereito do persoal a facer uso da única ferramenta que lles deixa a patronal para defenderse dos seus abusos”.

Así o explicaba o portavoz do comité de folga e representante da CIG, Paulo Rubido, quen apuntaba, xa a primeira hora da mañá, que “é unha loita pola dignidade dun sector feminizado que reclama que o seu traballo sexa recoñecido socialmente e que se respecte o dereito a ter unhas condicións laborais, salariais e sociais aos máis de 10.000 traballadores/as das que 8.000 mulleres”.

Deste xeito, as fregonas amarelas tomaron novamente as rúas, nas primeiras horas da mañá con caravanas de coches que chegaron a colapsar polígonos industriais como o de Sabón e despois con concentracións diante dos centros comerciais do Corte Inglés, onde opera unha das empresas con máis peso da patronal, EULEN, e das máis reticentes a recoñecer o dereito do persoal a ter salarios e condicións decentes.

Unha situación que denunciou Rubido, quen salientou que estas empresas “ben que se lucraron durante a pandemia ao ter que reforzar servizos de limpeza e desinfección de edificios e locais”. Unha demanda que obrigou a estas traballadoras esenciais a saír á rúa a garantir que os lugares de traballo, atención e servizos ao conxunto da poboación cumprían todos os requisitos hixiénicos fronte á covid, cando toda a poboación estaba confinada.

Actitude “despreciativa” da patronal

Para o comité de folga a actitude da patronal é “despreciativa, impresentable e inadmisible”. Denuncian que malia o incremento de facturación “pretenden seguir mantendo na máis absoluta precariedade ás miles de traballadoras que, na súa inmensa maioría, traballan a tempo parcial”.

Ademais rexeitan a raquítica oferta de incremento económico que a patronal puxo enriba da mesa de negociación, dun 0% para 2020 e dun mísero 1% a partir de 2021. “Pretende ademais suprimir artigos do convenio colectivo como o dereito a incrementar xornada ou á xubilación parcial”, lembrou Rubido, quen denunciou que isto “imposibilita que melloren as súas condicións de vida”.

O portavoz do comité de folga apuntou que iso afecta tamén ao persoal dos servizos de limpeza equiparados, porque aínda que teñan unhas condicións salariais mellores que o conxunto do sector, están atinxidos por estes recortes que pretende impor a patronal.

Rubido denunciou tamén o papel da administración, que ademais de impor na última xornada de folga uns servizos mínimos abusivos elude o papel de mediadora que debía ter e “non escoita as lexítimas reclamacións destas traballadoras, permitindo nichos de precariedade indecentes”.

Manifestación

Para este mércores día 12, na que será a terceira xornada de folga, teñen convocada unha manifestación que sairá ás 11:30 horas da rotonda de Rosalía de Castro con Mestre Mateo, no campus Sur. Unha mobilización á que agardan que se una o persoal de limpeza da universidade ee da Xunta.

Xunto a isto o comité de folga lembrou que o vindeiro día 3 de xuño terá lugar no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza a vista polo conflito colectivo que teñen presentado para conseguir o plus de transporte, con independencia da xornada traballada e agardan unha xuntanza con Presidencia para abordar esta cuestión.