Traballadoras da limpeza de Lugo quentan motores coa vista posta na folga que arrinca o 16
Traballadoras e traballadores da limpeza de Lugo comezaron este mércores a quentar os motores de cara á folga indefinida que comezarán o vindeiro luns, 16 de outubro, en demanda dun convenio colectivo digno. Unha folga máis que xustificada pola falta de avances na negociación e a miserenta oferta presentada pola patronal, xa que suporía deixar as traballadoras na total precariedade.
Ao berro de "pouco salario para tanto traballo" ou "se non amañamos non limpamos", o persoal protagonizou unha mobilización dende a casa do Concello de Lugo até a sede da CEL, onde denunciaron o bloqueo ao que a patronal, nomeadamente á asociación estatal ASPEL, ten sometida a negociación colectiva. Asunción Castiñeira, da CIG-Servizos, lembrou que dende a última xuntanza, o pasado 27 de xuño, a patronal nin respondeu á modificación da plataforma trasladada pola parte social nin concretou data para unha nova xuntanza da mesa.
Unha actuación que enmarca na estratexia do empresariado de dilatar a negociación indefinidamente co único obxectivo de sortear o pago das subas salariais dos anos previos. A este respecto, Castiñeira sinalou que as traballadoras levan cos soldos conxelados dende o ano 2021, cando venceu o convenio, e que hai categorías que xa quedaron por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional, polo que cualificou a actitude patronal de burla, xa que a oferta que puxeron enriba da mesa suporía deixar o convenio por debaixo do SMI.
ASPEL pide servizos mínimos do 100%
A falta de resposta da patronal e as súas manobras para manter na total precariedade ás traballadoras e traballadores do sector contrasta coa dilixencia que tivo ASPEL para dirixirse á Xunta de Galiza e solicitarlle que decrete uns servizos do 100% para a folga que comezará o 16 de outubro. Isto implicaría desvirtuar a convocatoria e deixar sen efecto o dereito fundamental á folga deste colectivo.
A representante da CIG rexeita esta petición por parte de ASPEL e chama a atención sobre a dobre vara coa que a patronal entende esta actividade: por unha banda néganse a recoñecer unhas condicións salariais e laborais dignas para as traballadoras e traballadores, paralizando a negociación do novo convenio e pretendo incluso recortar o pago da antigüidade; ao tempo que aluden á condición da limpeza como "servizo esencial á comunidade" para evitar que o persoal poida exercer o seu dereito á folga.
"Só somos un servizo esencial para o que lle interesa", denuncia Castiñeira, subliñando que este é un sector altamente feminizado, precarizado e no que abundan as xornadas parciais. Por iso, tamén insta a administración galega a respectar o dereito fundamental das traballadoras e traballadores e decretar uns servizos mínimos xustos.
Concentración o luns 16
Para a primeira xornada de folga, ademais dos piquetes informativos, está convocada unha concentración ás 12 horas diante da sede da Confederación de Empresarios/as de Lugo. O paro afectará a todas as traballadoras e traballadores regulados polo convenio provincial de limpeza de edificios e locais (unhas 1800 persoas) que prestan servizos en comunidades de propietarios, domicilios particulares, centros de saúde, residencias, centros de día, centros educativos, instalacións deportivas, museos, estacións de autobuses, bibliotecas, industrias de toda índole, almacéns loxísticos, supermercados, centros comerciais, oficinas bancarias ou dependencias policiais e de bombeiros.
Non está chamado á folga o persoal dos servizos limpeza do hospitais públicos, a universidade ou as dependencias da Xunta que teñen convenio propio, así como o persoal das empresas do sector que contan con convenio de seu.