Todo o desemprego rexistrado no mes de xullo foi entre as mulleres
O paro incrementouse o mes pasado en Galiza nun 0,1%, rematando xullo con 118.045 persoas rexistradas no SEPE. O secretario confederal de Emprego, Francisco González Sío chama a atención sobre este feito, que non adoita acontecer nos meses de verán. Considera que evidencia o esgotamento do modelo económico do goberno do Partido Popular á fronte da Xunta e que demostra o fracaso da reforma laboral de 2021.
González Sío entende que os datos confirman o que a CIG vén advertindo desde hai tempo, que as características do mercado laboral galego, baseado no turismo e, polo tanto, no sector Servizos “só provocan precariedade e inestabilidade”.
Neste sentido lembra que seguimos tendo “a máis alta taxa de desemprego de Europa; unha baixa calidade do emprego, que se crea mediante a parcialidade e co aumento de fixos descontinuos; unha temporalidade que tamén aumenta este mes de forma apreciable; uns baixos salarios, porque o SMI segue sen ser o 60% do salario medio; cun emprego estacional, que ten que ver coa chegada do bo tempo e os turistas e a perda de emprego de calidade, nomeadamente o Industrial”.
Xunto a isto sinala que o Estado español ten a taxa de paro xuvenil máis elevada, o que está a provocar que moitas das persoas novas, que son as máis preparadas teñan que emigrar.
Incremento do paro entre as mulleres
Na provincia de Lugo foi onde se rexistraron a totalidade dos e das novas desempregadas. Un incremento do 2,4% que o descenso nas outras provincias foi incapaz de contrarrestar. Pero é que, ademais, todo o paro rexistrado foi feminino, mentres que entre os homes descendeu nun 1,1%. A este respecto, González Sío apunta que o 59% do paro que hai en Galiza recae nas mulleres e denuncia que segue a ser un dos colectivos máis castigados polo desemprego.
Salienta ademais, o preocupante aumento do desemprego no sector Servizos cando o emprego en hostalaría, restauración e turismo é o que fai que baixe no verán o desemprego. Ao seu entender isto implica que “este modelo depredador baseado nos baixos salarios e na precariedade xa tocou fondo e que os demais sectores, como industria, non son quen de reverter a situación, provocando que a taxa de desemprego aumente malia no resto de países de Europa e na nosa contorna non sexa así”.
Tamén chama a atención no medre do desemprego nun colectivo que normalmente non é o máis castigado: o de persoas de entre 30 e 44 anos. “Entendemos que todo isto constata o esgotamento do mercado laboral e deste modelo baseado no sector servizos e na chegada de miles de persoas para pasar aquí as súas vacacións”.
Increméntase a temporalidade
No que ten a ver coas persoas afiliadas ao réxime xeral da Seguridade Social, houbo 8.500 altas que teñen que ver, na súa inmensa maioría, co aumento da temporalidade “até o punto de que a día de hoxe medrou nun punto e é xa do 25,5%”.
Onde se rexistrou a maior medra na afiliación foi nas persoas con contrato temporal a tempo parcial, que aumentaron un 16,1%. A contratación temporal a tempo completo tamén se incrementou fortemente, un 6,4%.
Deste xeito, en conxunto, as persoas afiliadas ao réxime xeral da Seguridade Social con contrato indefinido descenderon un 1,1 puntos porcentuais, pasando de representar o 75,5% do total ao 74,4%.
Isto confirma, para o secretario confederal de Emprego, que a reforma de 2021 “foi unha fraude e que no momento en que o mercado laboral e a propia patronal se recompón e descobre como poder enganar á nova lexislación volvemos tirar da contratación eventual”. De feito os contratos por circunstancias da produción deste mes foron 47.500, “unha auténtica barbaridade que mesmo supera a moitos dos meses anteriores á reforma dese ano”.
González Sío denuncia que moitas das persoas que foron despedidas son de sectores que deberían ter garantida certa protección polo traballo que desempeñan, como os 122.000 profesores e profesoras que, a nivel de estado, quedaron sen traballo. Unha circunstancia que atribúe á privatización dos servizos públicos, nomeadamente do ensino e da sanidade, e que a patronal privada destes sectores “non ten ningún miramento á hora de facer despedimentos cando non hai carga de traballo, mesmo levando á precariedade a persoas formadas, como o profesorado”. Unha situación que entende que acabará derivando en máis emigración, “xa que estas persoas cualificadas buscarán traballo noutros lugares do estado ou noutros países”.
Por iso o secretario confederal de Emprego exixe, máis unha vez, que se derroguen as reformas laborais, as das pensións e un cambio no modelo de contratación que acabe coa precariedade e dea maior estabilidade ás persoas traballadoras.