Terroristas pantasma

Suso de Toro - 21 Xun 2019

Unha organización que nunca reivindicou a súa existencia, que non comete atentados e da que non se coñece nin a súa organización nin o seu número aproximado de militantes e que só ten un nome, Resistencia Galega, posto pola propia policía do Estado é o máis parecido ás pantasmas

 Lembro nos xornais unha fotografía de militantes de organizacións antifranquistas cualificados como "terroristas". As "informacións", ademais, fornecían datos sobre explosivos, artefactos e preparación de atentados. Nada era certo. Aquelas persoas foran detidas, torturadas e, sen dereitos nin defensa legal ningunha, sometidas a parodias de xuízos por fiscais e xuíces franquistas. E todo pola súa militancia en organizacións que cuestionaban o Estado fundado polos militares, mais a difamación e as mentiras na prensa eran necesarias para destruír a súa lexítima posición política.

 A prensa reproducía a "información" que lle pasaba a policía política (toda o era); é dicir, o Gobernador Civil; é dicir, o Ministerio; é dicir, o Goberno; é dicir, a Xefatura do Estado. Franco e os seus xenerais.

 Un dos trazos dun sistema político totalitario é que a prensa sexa un dos brazos do Estado e non un instrumento independente que garanta á cidadanía o goce da liberdade de expresión e opinión (naturalmente, que os fiscais e xuíces non sexan franquistas biolóxica, caracterolóxica e ideoloxicamente tería que ser outro requisito, pero iso xa é un lerio á parte).

 No Reino de España, continuación do Estado fundado o 18 de xullo de 1936, a cidadanía non goza realmente dese dereito a unha prensa independente pois son mínimos os medios que intentan esa independencia, como este que me acolle. Estes días o Goberno difundiu novamente informacións sobre unha operación da Garda Civil para desarticular Resistencia Galega. Debe ser moi difícil e de moito mérito desarticular unha pantasma pois esa tal organización segue sendo unha presenza evanescente que aparece e desaparece a impulsos do goberno do momento en Madrid. Unha organización que nunca reivindicou a súa existencia, que non comete atentados e da que non se coñece nin a súa organización nin o seu número aproximado de militantes e que só ten un nome, Resistencia Galega, posto pola propia policía do Estado é o máis parecido ás pantasmas.

 Imaxino que quen a inventou debeu de ser alguén que imaxinou Galiza baixo o tópico das meigas e a Santa Compaña, a procesión das pantasmas da parroquia.

 Pero iso non impide que haxa detencións e longas penas que se pagan sen que existan probas nin sequera un xuízo, naturalmente en cadeas fóra da súa terra, preferibelmente na proximidade da capital do Estado. As vulneracións de dereitos e o carácter exemplarizante das actuacións da Xustiza española contra os presos políticos cataláns que aos poucos van sendo percibidas pola opinión pública española son a continuación de actuacións "de excepción" que se viñeron ensaiando e practicando con regularidade antes en Euskal Herria, en Catalunya e en Galiza.

 Outro trazo dos Estados totalitarios é que, caso de non o haber, precisan crear os seus propios terrorismos para xustificaren a súa propia natureza autoritaria íntima.

 O carácter político último destas actuacións, a súa auténtica natureza, móstraa a acusación de Feijoo, o amigo de narcotraficantes e conmilitante do recentemente detido proxeneta Juan Pérez Miramontes, de ter afectos e proximidades ideolóxicas coa pantasma Resistencia Galega ao BNG. O inimigo é calquera ideoloxía ou proxecto político que cuestione este Estado tal cal é.

 Máis a miserábel insidia de Feijoo retrotráenos ao ano 2015 cando un xuíz da Audiencia Nacional, antes TOP, chama a declarar o portavoz e o secretario de organización dese mesmo BNG precisamente por se houbese relación algunha coa tal Resistencia Galega. Esa citación e comparecencia fíxose en plena campaña electoral, xa poden imaxinar que favor se lle facía á organización soberanista galega que, efectivamente, aquel ano perdeu a súa representación nas Cortes.

 Non nos estrañe que a prensa cualifique de "terroristas" a persoas detidas sen que sexan xulgadas, reproducindo o que digan as policías pois a prensa en España, igual que a Xustiza, o Exército, as policías e a Administración, non rompeu co franquismo, continuouno. E a prensa verdadeiramente profesional e independente segue sendo tan minoritaria como o foi a oposición ao franquismo.

 

[Artigo tirado e traducido do xornal dixital El Diario, do 18 de xuño de 2019]