Terceiro día de mobilizacións do persoal de Einsa Print en demanda dunha suba salarial digna

As Pontes - 07 Mar 2023

Os traballadores e traballadoras de Einsa Print nas Pontes continuaron este luns co calendario de mobilizacións en resposta á falta de avances nas negociacións coa empresa por unha suba salarial digna, melloras nos sistemas de traballo e de goce das vacacións. Como xa fixeran a pasada semana, o persoal concentrouse diante das instalacións do Polígono de Penapurreira entre ás 14:00 a ás 16:00 horas para denunciar a actitude inmobilista da dirección e reclamar unha mellora real das condicións económicas, tendo en conta que levan unha década cos salarios conxelados.

As principais reivindicacións, explica o presidente do comité, Daniel Pena, refírense ás melloras salariais, xa que o convenio de empresa está sen actualizar e dende o ano 2012 os salarios están conxelados. Isto provoca que ano tras ano os traballadores e traballadoras foran perdendo poder adquisitivo, até o punto de que varios niveis salariais xa quedaron por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional.

Xunto a isto, o comité pide recuperar as condicións de pago do plus de traballo en sábados, domingos e festivos que existían nos acordos previos, xa que na actualidade o método de cálculo da retribución destes días "quedou desfasado" e non compensa "o prexuízo que supón para a conciliación da vida laboral e familiar".  Ademais, demandan unha mellora dos sistemas de traballo e de goce das vacacións.

Pero despois de oito reunións, as negociacións coa empresa están rotas pola persistente negativa da dirección a asumir ningunha das propostas do comité e garantir unhas melloras económicas e sociais dignas. Para rachar con este bloqueo, o persoal acordou convocar concentracións diante das instalacións de Einsa Print os días 1, 3 e 6 de marzo e non descarta intensificar as mobilizacións ante a falta de movementos por parte da empresa.