Terceira xornada de folga nos centros de chamadas por un convenio digno que rache coa precariedade
Baixo a consigna "por un convenio xusto nos centros de chamadas", as traballadoras e traballadores deste sector están a secundar este xoves a terceira xornada de folga en rexeitamento ás pretensións da patronal de recortar dereitos e consolidar a precariedade laboral e salarial. Con motivo da xornada de loita, que está rexistrando un amplo seguimento, a CIG realizou dúas concentracións: unha no Obelisco da Coruña e outra diante das instalacións de Unísono en Vigo.
Fronte á proposta de miseria que ofrecen as empresas, o persoal reclama un convenio que, dunha vez por todas, dignifique as condicións de traballo e os salarios e que recoñeza a súa profesionalidade, rachando con esa idea de que este é un sector de segunda e aínda en construción.
"O pasado ano o IPC rematou no 6,5%, pero o único que nos ofrece a patronal é unha suba para 2021 do 0,8%; para este ano, cun IPC en Galiza rozando os dous díxitos, o incremento que propoñen é do 2,5%; e IPC+0,5% (co tope do 2,5%) para 2023. Con esta subida de miseria nin sequera se pode garantir o mantemento do poder adquisitivo", denuncia a coordinadora do sector na CIG, Patricia Cordo.
Uns salarios que, lembra, a causa dos malos convenios asinados no pasado xa están moi minguados e nalgunhas categorías mesmo tiveron que ser actualizados polas empresas ao quedar por debaixo da última suba do SMI. "Calculamos que nos últimos 11 anos, cada traballador e traballadora perdeu uns 10.000 euros de soldo", explica.
Recortar dereitos consolidados
Pero a patronal non só pretende perpetuar os baixos salarios, senón que despois de dous anos de negociacións sen avances, pretende meter man tamén nas condicións xa recollidas no convenio (de ámbito estatal), reducindo os complementos de cobertura das IT, eliminando a xornada máxima semanal de 39 horas, flexibilizando a xornada máxima anual ou estabelecendo que excedencia especial só poida collerse fóra do verán ou do período de Nadal.
A isto súmase a pretensión de manter a contratación a tempo parcial (con contratos de até 15 horas, pero ampliándoos cando ás empresas lles conveña) e aproveitar a nova reforma laboral para ampliar os prazos dos contratos temporais en vez de facer indefinido a todo o persoal, tal e como contempla a sentenza da Audiencia Nacional.
A actitude avarenta das empresas, continúa a representante da CIG, chega ao punto de que nin sequera queren compensar os gastos derivados do teletraballo, atendendo ao marcado na normativa vixente.
Cordo lembra que neste sector o teletraballo foi imposto ás présas ao inicio da pandemia, sen ningún tipo de dereito nin garantía, e o persoal mesmo tivo que pór os propios seus equipos informáticos, teléfonos e a conexión a internet para poder realizar o traballo. Un esforzo que a patronal se nega a compensar de maneira xusta, utilizando incluso esta modalidade de traballo como premio ou castigo ao persoal en función dos resultados.
Neste senso, Cordo chama a atención sobre o feito de que a patronal dos centros de chamadas está conformada por multinacionais que obteñen beneficios millonarios e que á súa vez prestan servizos para outras multinacionais (telecomunicacións, banca etc.) que tamén teñen millonarias ganancias.
Por iso, "non podemos nin queremos pasar por un convenio que supoña perder cartos, que recorte os poucos dereitos que temos e que nos condene a seguir na precariedade", afirma Cordo quen xa avanza que, diante do inmobilismo da patronal, "a CIG continuará na loita até conseguirmos un convenio digno que dignifique as nosas condicións laborais e salariais".