Suspendida a folga prevista en Autoneum tras comprometerse a dirección a pactar melloras

A semana que vén establecerase un calendario de encontros para negociar incrementos salariais e avances sociais na empresa da Rúa
A Rúa - 15 Dec 2025

O comité da empresa de automoción Autoneum, con sede na localidade ourensá da Rúa, anunciou hoxe que a asemblea de persoas traballadoras acordou por inmensa maioría suspender a folga prevista entre os días 15 e 22 de decembro, despois de que a compañía trasladase a súa intención de iniciar unha negociación dun pacto de melloras que inclúa incrementos salariais e avances no eido social.

Para posibilitar esta suspensión, a representación do cadro de persoal estableceu dúas condicións irrenunciables, que pasan pola retirada inmediata por parte da empresa do documento de desinvestimento na planta da Rúa, presentado tras a convocatoria de folga. Así como a garantía de que as nóminas de decembro non inclúan ningún tipo de desconto ao persoal que secundou os paros, no caso de que haxa acordo.

A vindeira semana celebrarase unha nova reunión entre o comité e a dirección de Autoneum, na que deberá quedar pechado un calendario de encontros para negociar o pacto comprometido. A representación sindical considera que este proceso non debe prolongarse no tempo, aínda que é consciente de que a negociación non será inmediata.

Finalmente, dende o comité trasládanlle o sei agradecemento a todas as persoas traballadoras que apoiaron os paros desenvolvidos con anterioridade, “demostrando unha unión exemplar ao longo estes días” e fan fincapé en que “unha vez máis, queda claro que as folgas son unha ferramenta eficaz e que a clase traballadora, cando permanece unida, conquista melloras reais”.