Suspendida a folga indefinida no sector de ambulancias tras chegar a un preacordo
Á unha da madrugada deste luns remataba a reunión da mesa negociadora do convenio de ambulancias coa sinatura dun preacordo, na parte económica, que será sometido este mércores á valoración das asembleas de traballadoras/es que xa están convocadas nas sete cidades para, a partir de aí, seguir negociando o resto do texto do convenio. Suspéndese así o inicio da folga indefinida.
A proposta resúmese nos seguintes puntos:
- Convenio até 2022.
- Suba salarial do 4% a partir do 1 de novembro de 2019.
- Suba salarial do 3% a partir do 1 de novembro de 2020 + unha paga única de regularización de 500 euros nese mesmo mes.
- Suba salarial do 2,5% a partir do 1 de xaneiro de 2021 + a creación dunha nova paga extra a cobrar integramente en marzo dese ano, cando xa quedaría consolidada.
- Suba salarial do 3% a partir do 1 de xaneiro de 2022.
- Nas vacacións incluiríase a media de todas as percepcións do ano anterior, desde o ano 2019 e con efecto retroactivo.
- As subas salariais calcularanse a partir do salario de condutor e aplicarase a mesma suba en todas as categorías.
- As subas aplicaranse a todos os conceptos agás ás dietas.
- A terceira paga extra terase en conta para as fórmulas das horas de presenza e horas extras.
- As melloras salariais sobre os contratos en prácticas queda pendente para a seguinte reunión.
Convocatoria de asemblea
As asembleas serán o mércores 20 nos seguintes horarios e locais:
VIGO. Ás 21 h no local de UGT
SANTIAGO. Ás 20:30h no local da CIG
PONTEVEDRA. ÁS 21 h no salón de actos do edificio sindical
A CORUÑA. Ás 21:30h no salón de actos do edificio sindical
FERROL. Ás 21 h no local da CIG
LUGO. ÁS 21 h no salón de actos do edificio sindical
OURENSE. ÁS 21:30h no salón de actos do edificio sindical
Coa sinatura deste preacordo suspéndese o inicio da folga até a celebración das asembleas, de maneira que de aprobarse suspenderíase a folga de xeito indefinido, até a sinatura do convenio. No caso de ser rexeitado a folga iniciaríase o día 21 ás 0:00 horas.
O comité de folga pon en valor “toda a forza e a toma de conciencia do conxunto dos traballadores e traballadoras do sector a través da folga, ferramenta sen a que tería sido imposible acadar avances na negociación como os que agora imos ter a oportunidade de debater nas asembleas”.