Desconvocada a folga en Forvia de Ourense tras confirmar a empresa carga de traballo para os próximos anos

A maioría do persoal da compañía de automoción votou a favor do acordo
Ourense - 10 Mar 2026

As persoas traballadoras de Forvia (antiga Faurecia Interiores Ourense) decidiron onte por maioría aceptar o acordo entre o comité e a dirección e desconvocar a folga indefinida prevista. A empresa do sector da automoción confirmou a existencia da carga de traballo cando menos até 2028 e comprometeuse a prorrogar durante dous anos máis as condicións de saída da compañía pactadas no caso de que fose necesario un axuste do cadro de persoal.

O acordo foi ratificado mediante votación en urna por 132 votos a favor, 73 en contra e 3 en branco, o que supón deixar sen efecto o inicio da folga indefinida prevista para onte. O persoal de Forvia optara por esa medida de presión despois de comprobar que a carga de traballo confirmada pola compañía era insuficiente para garantir o actual volume de emprego. 

As partes celebrarán xuntanzas cada dous meses para abordar o estado das xestións

Mais agora a dirección de Forvia comprométese por escrito a manter o proxecto P24 como mínimo até xaneiro de 2028, cando inicialmente expiraba en decembro de 2027, ademais de asignarlle á fábrica ourensá o proxecto de Renault no caso de que Forvia resulte finalmente adxudicataria.

Así como a analizar os proxectos en fase de adquisición na actualidade “para valorar a viabilidade de considerar a planta de Ourense como potencial destino industrial”. As partes celebrarán xuntanzas cada dous meses para abordar o estado destas xestións.

Por último, no caso de que a situación da empresa faga necesario un axuste do cadro de persoal por falta de carga de traballo, a dirección comprométese a prorrogar as condicións de saída (indemnizacións vixentes até decembro de 2026) até o 31 de decembro de 2028.