SOS Sanidade Pública demanda ante o Parlamento políticas que eviten o “deterioro definitivo” do noso sistema sanitario

Exixe o cumprimento das 13 medidas recollidas na ILP presentada pola plataforma e avalada por 50.000 sinaturas para impedir o desmantelamento da sanidade pública
Nacional - 12 Abr 2024

SOS Sanidade Pública presentou no Parlamento de Galiza 50.000 sinaturas para salvar a Atención Primaria o pasado ano, recollidas nunha Iniciativa Lexislativa Popular que foi rexeitada “con desprezo” polo Grupo Parlamentario do Partido Popular. Por iso, diante da constitución dun novo goberno galego, celebraba esta mañá unha concentración para exixir o cumprimento dos 13 puntos recollidos nesa ILP para evitar o deterioro definitivo da nosa sanidade pública e o desmantelamento de todo o Sistema Sanitario Publico Galego.

SOS Sanidade Pública vén denunciando desde hai anos que a Xunta de Galicia está a deteriorar e desmantelar a Atención Primaria, recortando orzamento e persoal, pechando centros, masificando as consultas e poñendo barreiras ao acceso aos Centros de Saúde, que carecen do persoal necesario para garantir unha atención integral e de calidade. Isto obriga á poboación a soportar listas de agarda de semanas antes a ser atendida en consultas masificadas que impiden a axeitada relación entre o persoal sanitario e as persoas enfermas.

A plataforma cidadá lembra que os principais organismos internacionais como a OMS e UNICEF, estableceron hai anos que a Atención Primaria de Saúde debe incluír a toda a sociedade para garantir a atención sanitaria, o benestar social, de maneira equitativa e centrada nas necesidades de saúde das persoas. Os Centros de Saúde deberan responder o mais pronto posible as demandas incluíndo a promoción, a prevención, o tratamento, a rehabilitación e os coidados paliativos.

Denuncia ademáis que o persoal dos Centros de Saúde está sometido a unha inaceptable precariedade laboral, que o desmoraliza e que repercute na calidade da atención.

Ao remate da mobilización deuse lectura ao escrito que posteriormente foi presentado no rexistro dirixido ao presidente da Xunta e a quen ocupe a consellaría de Sanidade na lexislatura que agora se inicia.

ESCRITO DA PLATAFORMA SOS SANIDADE PÚBLICA DE GALICIA DIRIXIDO AO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALIZA E AO CONSELLEIRO DE SANIDADE

A Sanidade Pública Galega está moi deteriorada e en risco de desmantelamento:

  • Centros de Saúde e PACs con importantes problemas de accesibilidade relacionados coa falta de profesionais, consultas masificadas de medicina de familia, enfermería, odontoloxía, etc, e en moitos centros sen Pediatras, co persoal das áreas administrativas traballando en espazos físicos inadecuados para as súas funcións e sen o número de profesionais suficientes para atender as demandas da cidadanía e do resto de profesionais dos centros. 
  • Servizos de urxencias hospitalarios cunha alta demanda e pouco persoal, o que dificulta o seu correcto tratamento.
  • Hospitais con listas de agarda que ocultan a máis da metade dos pacientes e ratios de profesionais que non permiten prestar a asistencia e continuidade de coidados coa mínima calidade.
  • Servizos de Saúde Pública sen recursos para afrontar as epidemias.
  • Persoas maiores abandonados nas Residencias e sen que se lles aplique a Lei de Dependencia.

Como consecuencia de todo isto, temos ao persoal da sanidade pública sobrecargado e desmotivado, soportando unhas condicións laborais precarias e indignas.

            Dende a Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, e as organizacións ca integran: Asociacións Sociais e Veciñais, Organizacións Políticas, Sindicatos e Colectivos Profesionais, propoñemos a Consellaría de Sanidade 13 medidas urxentes para afrontar esta situación e intentar reverter o deterioro do Sistema Sanitario Público en Galicia:

            1º. Incrementar o orzamento sanitario, especialmente na Atención Primaria, ata o 25% do total que indica a Organización Mundial da Saúde (OMS), garantindo que na contabilidade deste incremento non se compute o gasto farmacéutico nin o custe do sector privado racionalizado. Eliminar a derivación sistemática de pacientes aos centros concertados privados.

            2º. Incrementar o persoal de medicina familiar, pediatría e enfermaría; incorporación aos equipos sanitarios de novas categorías profesionais necesarias, para dar unha Atención Integral nos Centros de Saúde: Psicoloxía Clínica, Fisioterapia, Logopedia, Terapia Ocupacional, Podoloxía, Traballo Social, Atención Temperá, Nutrición, Hixiene Bucodental, etc. Aumentar o número de prazas de formación do persoal. Acreditar novos centros para a docencia. Priorizar as consultas presenciais nos centros sanitarios e acabar coas listas de agarda nos Centros de Saúde.

            3º. Abrir os  Centros de Saúde pechados e crear novos onde sexa necesario, cubrindo os servizos mínimos en todos e mellorando a súa dotación e equipamento. Control e coordinación de todos os procesos asistenciais do paciente dende a Atención Primaria.

            4º. Reintegrar o Servizo de Ambulancias ao Sistema Público; aumentar a dotación das mesmas para cubrir os servizos mínimos de persoal e equipamento. Dotar dun número de Ambulancias Asistenciais e Medicalizadas que chegue para cubrir a demanda.

            5º. Implementar un Plan Urxente para racionalizar as listas de agarda hospitalarias, poñendo de novo a funcionar a pleno rendemento os centros sanitarios públicos: reabrir as camas hospitalarias clausuradas e recuperar os servizos pechados nos Hospitais Comarcais.

            6º. Garantir que se preste atención médica e controlar a saúde das persoas incluídas no Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD) dende a Sanidade Pública, sendo referentes os Centros de Atención Primaria, dotados adecuadamente, en coordinación cos Servizos Sociais. Asegurar que as persoas maiores e as persoas con discapacidade, sobre todo aquelas que viven en Residencias, non sufran restricións ou marxinacións, vergoñentas, no acceso aos especialistas nin complicar as derivacións hospitalarias.

            7º. Reintegrar ao Sistema Público, os servizos privatizados: Información, Historia Clínica, Receita Electrónica, Central de Chamadas, Loxística, Investigación, Docencia. Restituír o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo para o Sistema Público, incrementar os seus recursos para acabar co ‘concerto singular’ de POVISA, e garantir así a asistencia hospitalaria pública a toda a poboación.

            8º. Elaborar de forma consensuada un Plan de Saúde Mental que dote ao Sistema Sanitario Público Galego de recursos e de persoal idóneo e que garanta a presenza de profesionais de Saúde Mental na Atención Primaria.

            9º. Eliminar a inestabilidade e precariedade laboral no Sistema Público, ofertar salarios dignos e implementar unha política xusta e incentivadora. Recuperar a dedicación exclusiva do persoal médico que traballa na Sanidade Pública e esixencia da acreditación especializada no novo persoal contratado.

            10º. Convocar concursos públicos transparentes e abertos para cubrir os cargos de xestión do Sistema Público e (erradicar as prácticas de clientelismo e nepotismo]), acabar cos conflitos de intereses familiares e/ou profesionais.

            11º. Recuperar as Xerencias de Atención Primaria e dotalas de capacidade resolutiva e orzamento propio. Transformar as Áreas Sanitarias para conseguir a recuperación e necesaria coordinación e xestión integrada, da Atención Primaria, Hospitalaria, Saúde Pública e Atención á Dependencia.

            12º. Reorientar o sistema ao «modelo comunitario e participativo», para garantir unha atención integral que actúe eficazmente sobre os determinantes que inciden na saúde. Recuperar os Consellos de Saúde de Área Sanitaria e o Consello de Saúde de Galicia para que a participación cidadán actúe sobre a estratexia do Sistema Sanitario.

            13º. Desmedicalizar o sistema, e acabar co uso irracional e abusivo dos fármacos e das novas tecnoloxías. Poñer o eixo do mesmo na Atención Primaria.

 

                        Santiago de Compostela, 12 de abril do 2024