SOS Sanidade Pública de Vigo solidarízase coa loita do persoal das residencias de maiores privadas
A Plataforma SOS Sanidade Pública da Área Sanitaria de Vigo, da que fai parte a CIG, acordou trasladar publicamente o seu o apoio á loita do persoal das residencias da terceira idade privadas ante o inicio dunha folga indefinida este xoves 17 de marzo.
Dende o colectivo en defensa da sanidade pública sinalan que as empregadas/os das residencias privadas, “que traballan en condicións de precariedade, téñense enfrontado en primeira liña á pandemia da covid, en moitas ocasións sen equipos de protección individual axeitados, sufrindo condicións de traballo moi duras”. Por iso denuncian que a patronal do sector se negue a negociar a renovación dun convenio colectivo xa caducado.
SOS Sanidade Pública da Área Sanitaria de Vigo entende que só unhas condicións de traballo dignas poden garantir unha atención de calidade ás persoas maiores e dependentes, “polo que solicitamos da cidadanía o apoio ás mobilizacións do persoal das residencias privadas”.