SOS Sanidade anuncia a posta en marcha unha campaña para reducir as listas de agarda na sanidade pública

A iniciativa rematará cunha mobilización diante do Marco en Vigo o xoves 12 de xuño
Vigo - 28 Mai 2025

A Plataforma SOS Sanidade Pública da área sanitaria de Vigo anunciou hoxe a posta en marcha dunha campaña de información para difundir entre a cidadanía unha serie de medidas orientadas a reducir as listas de agarda. Representantes do colectivo explicaron os detalles da iniciativa nunha comparecencia diante dos medios de comunicación no edificio administrativo da Consellaría de Sanidade, onde rexistraron un escrito dirixido ao conselleiro solicitándolle os datos reais do número de persoas que se atopan en lista de agarda.

A iniciativa, que será replicada polas distintas Plataformas do país e que rematará cunha concentración diante do Marco o xoves 12 de xuño, ten por obxectivo reducir as listas de agarda tanto na área sanitaria como no conxunto de Galicia, “xa que se teñen convertido nun serio problema que provoca sufrimento e ansiedade entre a poboación e que aumenta as consultas tanto en atención primaria como en urxencias”.

Dende SOS Sanidade demandan en primeiro lugar unha xestión transparente das listas, “porque se non hai transparencia é moi difícil saber que medidas é necesario aplicar”. Consideran que non pode haber discusión sobre o número de persoas que se atopan nesta situación, polo que solicitaron por rexistro os datos reais das listas de agarda (exploracións complementarias, cirurxías, etc). “Pero de todos as listas da agarda, non só das que obriga a publicar o marco legal; porque todo o mundo sabe que hai moitas máis persoas en lista de agarda que as que se publican”. Tamén reclaman que se remate con prácticas como os buzóns ou a espera de citacións que se utilizan para “maquillar” os datos.

En segundo lugar, esixen recursos públicos para a xestión das listas de agarda, polo que consideran necesario a elaboración dun plan para dar resposta ás necesidades reais en base aos datos completos “que permita dotar a sanidade pública dos recursos necesarios para acurtar as listas de agarda e que no teñan unha dimensión intolerábel como acontece na actualidade”.

Finalmente, lembran que a propia patronal da sanidade privada aseguraba hai un par de semanas que o 45% das intervencións no Estado español xa se fan na sanidade privada. “E non hai que esquecer que unha parte moi importante das intervencións é financiada con cartos públicos”. Por iso piden que eses cartos públicos se dediquen se invistan en reforzar o sistema sanitario público para poder dar conta da lista da agarda existente a día de hoxe.