Solidariedade da CIG coa folga xeral convocada polos sindicatos de Euskal Herria

Está convocada para o vindeiro día 30 de xaneiro
Internacional - 08 Xan 2020

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, remitiu este martes, día 7 de xaneiro, ás centrais sindicais vascas, un comunicado de apoio á convocatoria de folga xeral que terá lugar en Euskal Herria o vindeiro día 30 de xaneiro, en representación do conxunto da central sindical.

COMUNICADO

Desde a Confederación Intersindical Galega (CIG) queremos facer chegar todo o noso apoio e solidariedade coa Folga Xeral no País Vasco do próximo día 30 de xaneiro de 2020, convocada baixo o lema “Traballo, Pensións e Vida DIGNAS”, pola Carta de dereitos Sociais de Euskal Herria, plataforma da que as organizacións sindicais vascas fan parte.

Este apoio non é só pola tradicional amizade e colaboración entre as nosas organizacións, senón que compartimos os motivos e demandas da devandita convocatoria ante a latente demanda social por rematar coa precariedade, o desemprego e a desigualdade social que provocaron as últimas reformas laborais, da negociación colectiva e das pensións importas polo PSOE e o PP.

Compartimos a vosa táboa reivindicativa, tanto no referido ás pensións, como ás reivindicacións de carácter laboral, como nas propostas de proteccións, prestacións e dereitos sociais. E tamén no referido á reclamación dun marco propio de relacións laborais e protección social. Desde a CIG temos moi claro que para acadar todos eses obxectivos non podemos facelo sen contemplar unha perspectiva de país, sen facerlle fronte a esa estrutura estatal centralista e fanaticamente españolista, que limita a nosa capacidade de desenvolvemento, autogoberno e estruturación social soberana. Que, tal e como se apunta na convocatoria, é necesaria a soberanía para conseguir ese verdadeiro cambio social e, ao respecto, non só polos nosos dereitos individuais, senón colectivos, como pobo.

Desde a CIG temos moi claro que os dereitos só se conseguen loitando. Esa é unha das características do noso modelo sindical. E é por iso que apostamos pola mobilización como instrumento fundamental para plantar cara ao poder económico e ao poder político e sindical que lles é servil.

Nesta liña de mobilización, desde hai meses a CIG temos en marcha unha campaña baixo o lema “Recuperar dereitos para avanzar. Na defensa da industria e o emprego en Galiza”, coa que estamos dando resposta ao empobrecemento xeneralizado que se estende cada día máis polo noso país por mor das políticas neoliberais e perante a crise industrial que estamos atravesando.

Dentro das diferentes accións mobilizadoras desta campaña, e para deixar constancia desta solidariedade que vos estamos manifestando, desde a CIG fixemos coincidir unha destas convocatorias nas sete principais cidade galegas, precisamente para ese día 30 de xaneiro, nas que se fará público o noso apoio á vosa folga xeral, e ás vosas razóns para convocala, que son coincidentes coas nosas.

Sen máis, agardamos que a xornada de folga xeral do día 30 de xaneiro no País Vasco sexa un rotundo éxito, que a participación nela sexa masiva e que os obxectivos polos que se convoca sexan acadados.

Desde Galiza, desde a Confederación Intersindical Galega, todo o noso apoio.

Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2020.

Asdo.

Paulo Carril Vázquez

Secretario Xeral da CIG