Sobe o paro, descende a ocupación e baixa a actividade en Galiza no primeiro trimestre de 2018
Dos datos da EPA publicados este xoves tírase que a suposta recuperación económica non ten reflexo algún no mercado laboral. De feito durante o primeiro trimestre de 2018 houbo un incremento do paro e un descenso da ocupación malia baixar a poboación activa. Así o salienta o secretario confederal de Emprego da CIG, Fran Cartelle, para quen “os dados da EPA veñen confirmar novamente a urxente necesidade da convocatoria dunha folga xeral como resposta contundente da Clase Obreira ás políticas económicas do PP que nos empobrecen e instalan na precariedade máis absoluta”.
Atendendo aos datos, compróbase que o primeiro trimestre de 2018 rematou con 186.500 persoas desempregadas, 4.400 máis que no trimestre anterior. Porén, a situación é máis grave aínda se a comparamos co mesmo trimestre de 2009, ao comezo da crise, porque nese caso aínda hai agora 25.500 persoas desempregadas máis que daquela. Así as cousas, a taxa de paro total é do 15,08%; no trimestre anterior foi do 14,71%, pero en 2009, era do 12,09%.
Isto ocorre malia ter descendido a taxa de actividade -que é do 52,97%- respecto do trimestre anterior (era do 52,98%), do mesmo trimestre do ano pasado (era do 53,28%) e respecto do ano 2009 (estaba no 55,34%).
O mesmo sucede cos datos de ocupación. O número de persoas ocupadas descendeu respecto do trimestre anterior pasando do 45,2%, no IV Trimestre de 2017, ao 45% agora.
Precariedade e pobreza
Sendo grave esta situación máis o é, para o secretario confederal de Emprego, que se destrúa emprego, fundamentalmente entre os menores de 35 anos; que ese emprego que se destrúa é maioritariamente a tempo completo e que se vai substituíndo por contratos a tempo parcial.
Temos que camiñar cara a Folga Xeral. Só unha resposta masiva e contundente pode reverter os nefastos efectos das políticas económicas do PP
Isto dá unha idea do incesante medre da precariedade laboral -da que Cartelle responsabiliza ás reformas laborais e da negociación colectiva impostas tanto polo PSOE e polo PP- e do cada vez maior empobrecemento da clase traballadora galega.
“A precariedade, a temporalidade e a rotación do emprego van camiño de converterse en estruturais”, advirte o secretario confederal de Emprego, que fai un chamamento a “combater esta situación e saír masivamente ás rúas, coa CIG, o vindeiro Primeiro de Maio, pola recuperación dos dereitos, contra a pobreza e a precariedade e en demanda de empregos, salarios e pensións dignas”.
Fran Cartelle alerta de que a mobilización é o único xeito de reverter esta situación. Por iso afirma que “temos que camiñar cara a Folga Xeral pois só unha resposta masiva e contundente como esa por parte dos traballadores e traballadoras pode reverter os nefastos efectos das políticas económicas do PP”.