Sindicatos reproban a actuación do Consello Xeral do Poder Xudicial e do seu presidente nesta crise sanitaria do COVID 19
As seis organizacións sindicais con representación na Mesa de Negociación do Ministerio de Xustiza (CSIF, STAJ, CCOO, UXT, CIG e ELA), veñen de presentar unha reprobación conxunta pola actuación do Consello Xeral do Poder Xudicial e do seu presidente na crise sanitaria do COVID 19.
COMUNICADO:
Desde o principio da crise o CGPJ atribuíuse unhas competencias que non lle corresponden en materia de medios persoais e de prevención de riscos laborais e tentou impoñer o seu criterio de maneira despótica, comportándose de forma desleal co resto de administracións e sen contar coa representación legal da maioría do persoal da Administración de Xustiza.
Para as seis organizacións sindicais, os Comités de seguimento COVID 19 creados no seo dos TSJ por acordo da Comisión permanente do Consello carecen de competencias para adoptar acordo algún, nas materias anteriormente mencionadas. En consecuencia, os seus acordos son nulos carecendo de validez algunha para ser impostos en ningún órgano da Administración de Xustiza.
Denunciamos a táctica de sabotaxe empregada pola Comisión permanente do Consello para impedir o cumprimento de todas e cada unha das resolucións do Ministerio de Xustiza, CCAA con competencias en materia de medios materiais e persoais da Administración de Xustiza. Sen ofrecer ningún dato sobre cargas de traballo o Consello emite xuízos de valor sobre a idoneidade das dotacións establecidas polas Administracións competentes en materia de medios persoais na Administración de Xustiza.
Denunciamos que a inxerencia do Consello Xeral do Poder Xudicial está a poñer en risco a saúde dos miles de funcionarios/as de Xustiza e da cidadanía en xeral, pretendendo obrigar a desprazamentos e presenzas innecesarias, mentres recomenda aos Xuíces e Maxistrados que traballen desde casa grazas aos equipos informáticos prestados pola Administración e dos que non dispón o resto do persoal de Xustiza.
Lembramos que o CGPJ aínda non se desculpou ante os 55.000 empregados/as públicos de Xustiza polas descualificacións vertidas no seu comunicado do pasado 19 de marzo no que se lles acusaba de falta de profesionalidade.
Lamentamos que, un órgano constitucional do Estado, non se deu conta do alcance e a gravidade da emerxencia que estamos a vivir e non estea a saber exercer as súas competencias nesta crise sanitaria, en coordinación real e leal co resto as administracións prestacionais, a Fiscalía e os representantes dos empregados/as públicos/as, tendo en conta a concorrencia de competencias que se dan na xestión da Administración de Xustiza.
Alentamos ao Ministerio de Xustiza e ás CCAA autónomas con competencias transferidas en materia de xustiza para que continúe poñendo freo a esta irresponsabilidade do CGPJ.
Lembramos aos membros do CGPJ que a Administración de Xustiza non son só eles, nin sequera sono só os Xuíces e Maxistrados. A Administración de Xustiza son, tamén, os 55.000 empregados/as públicos/as que fan posible que todos os días se abran as sedes xudiciais e que, presencialmente ou en dispoñibilidade, garanten o funcionamento da Administración de Xustiza no medio desta crise atendendo os servizos esenciais.
Uns empregados/as públicos/as que, mesmo agora, teñen o dereito a que se protexa a súa saúde e a que o protagonismo desmedido de integrantes do Consello Xeral do Poder Xudicial co seu presidente Carlos Lesmes á cabeza, non a poña en risco caprichosamente xunto coa dos seus familiares e, en xeral, a saúde da sociedade no seu conxunto que tan valentemente está a loitar contra a ameaza invisible dun virus mortal.
Para finalizar, as seis organizacións sindicais queremos facer un recoñecemento a todos os empregados públicos e aos traballadores en xeral que, durante estes días, están a prestar os servizos esenciais para que a sociedade siga funcionando. E, non por repetido hai que dalo por feito, o noso agradecemento aos miles de empregados públicos e traballadores do sistema sanitario con independencia do Corpo ou grupo profesional ao que pertenzan, que están a dar a cara en primeira liña contra o virus.