Silencio da CRTVG polo incidente machista no programa Zona Mixta sobre a condena de Santi Mina
A CRTVG viuse novamente envolvida nun inaceptábel episodio de violencia machista ao dar voz o programa Zona Mixta ao avogado Pablo Viana, que defendeu o xogador de fútbol Santi Mina, condenado a catro anos de prisión por un delito de abuso sexual. Así o considera o comité intercentros de CRTVG que vén de emitir un comunicado no que demanda a retirada da entrevista.
Para o comité desconcerta que unha semana despois a dirección da empresa non emitise ningún pronunciamento, nin adoptase ningunha medida ao respecto. Por iso considera que a elaboración dunha guía ou libro de estilo con criterios claros que inclúa normas precisas e concretas para o tratamento nas informacións e programas da CRTVG da perspectiva de xénero e a violencia machista, a creación da figura da editora en igualdade de xénero e a formación dos profesionais “tórnanse urxentes e necesarios”.
Así o evidencia, ao seu entender, o papel xogado polo presentador do programa, que “non só non soubo reaccionar e evitou recriminar as graves declaracións do letrado, senón que o enfoque errado da información deu pé á valoración xenérica da sentenza por parte de Pablo Viana, máis alén da repercusión estritamente deportiva (medida cautelar adoptada polo club celtista), e a posterior deformación dos feitos probados e culpabilización da vítima”.
O comité intercentros lembra que os medios de comunicación social non se limitan a reflectir a realidade, senón que a constrúen, propoñendo modelos sociais e maneiras de sentir, pensar e actuar. Sendo así, din, “a canle pública debe apostar decididamente na defensa dos valores relacionados coa igualdade de xénero e coa prevención e a loita contra a violencia machista en todos os seus ámbitos e aspectos”.
Ao seu entender, a responsabilidade social corporativa “non pode ser só un slogan comercial, mais un compromiso real e decidido coa igualdade e a tolerancia cero coa violencia de xénero”. A dirección da CRTVG “debe asegurar que os profesionais dos medios públicos cumpran con este compromiso social esencial, para o que precisa investirnun plan ambicioso de sensibilización e formación, tanto básica como especializada, progresiva e permanente,de todo o seu persoal en igualdade de xénero e contra as violencias machistas”.
Xunto a isto considera que “tamén debe comprometerse na elaboración dunha guía con normas claras e precisas para o tratamento da perspectiva de xénero e a violencia machista nos contidos informativos e de programas dos medios públicos, así como na creación da figura da editora de xénero que vele polo cumprimento dos criterios e normas marcados”. Por último afirma que a dirección da CRTVG “debe tomar a decisión de retirar da súa web a entrevista a Pablo Viana, cuxo contido non pode ter cabida non medios públicos galegos”.