Sen avances no convenio e no Plan Estratéxico, a CIG-Navantia aposta por seguir no camiño da mobilización
A reunión coa dirección de Navantia para a negociación do convenio celebrada este xoves rematou sen avances substancias ao igual que a xuntanza sobre o Plan Estratéxico que tivo lugar este venres. Mais desta volta, e tras das últimas xornadas de mobilizacións desenvolvidas polo persoal, no caso da negociación do convenio a empresa non se cinguiu unicamente a cuestións parciais, senón que puxo enriba da mesa os temas que vén demandando a parte social, evidenciando que a mobilización é o camiño a seguir.
"Se a dirección deu este paso, aínda que de forma insatisfactoria, é un indicativo de que estamos no bo camiño coas mobilizacións", subliña o secretario do comité, Marcelino Amado, quen salienta a elevada participación do cadro persoal nas protestas e actos reivindicativos realizados até agora nos estaleiros da ría de Ferrol.
Explica que para a parte social é fundamental negociar neste convenio cuestións como a redución da xornada, os traslados, a flexibilidade horaria, estender conceptos para o persoal técnico superior, as condicións das novas incorporacións, mellorar as licencias retribuídas ou pactar as condicións de saída.
Por outro lado, na xuntanza deste venres sobre o Plan Estratéxico -que o comité xa advertira que non podía ter un simple carácter explicativo ou de trámite e cando menos había que establecer un cronograma con temas concretos sobre os que negociar-, a empresa limitouse a facer presentacións e achegar datos sobre investimentos, situacións económica, I+D+I e contexto.
"Pero unha vez máis non quedou claro que a dirección estea aberta a negociar de verdade", denuncia Amado. Advirte da ausencia de investimentos para o dique de novas construcións e para o de Carenas (tan longamente demandamos), nada se concreta para Turbinas, "nin tampouco para sacar produto propio en Seanergies". A cuestións do emprego tocouse de pasada e abordar a carga de traballo "quedou para reunións próximas pero sen fixar data"
Neste contexto, Amado xa avanzou que "moito ten que cambiar a situación para que desde a CIG poidamos asinar un Plan Estratéxico no que están en xogo investimentos, emprego e carga de traballo fundamental para a Ría de Ferrol". Por iso, aposta por continuar e intensificar a mobilización para lograr mudar a situación e garantir o futuro dos estaleiros.
Todas estas cuestións serán abordadas na asemblea xeral prevista para o vindeiro martes coa vista posta xa nas seguintes reunións do convenio, fixadas para a próxima semana de maneira telemática e para a seguinte de forma presencial.