Sen avances na mediación da limpeza pola postura inmobilista da patronal ASPEL
A reunión da mediación do conflito da limpeza de Lugo celebrada este luns rematou sen ningún tipo de avance a causa da postura inmobilista da patronal estatal ASPEL que teima na conxelación salarial para o ano 2022 e nunha proposta económica que suporía seguir deixando o convenio provincial por debaixo do SMI.
Para a parte social, subliña Asunción Castiñeira, representante da CIG-Servizos, conseguir un incremento para 2022 en táboas é unha liña das liñas vermellas, tendo en conta que ese ano o IPC rematou no 5,7%, agravando a perda do poder adquisitivo que xa arrastraban as traballadoras debido á elevada inflación do ano previo (cun IPC real do 6,5%) e á conxelación dos salarios dende que venceu o convenio.
“Pero a patronal mantén unha postura exactamente igual a cando comezamos as negociacións, de incremento do 0% para 2022, sen unha oferta que mellore as subas do resto dos anos do convenio ou os demais conceptos salariais, e coa negativa rotunda a negociar melloras noutras materias sociais ou laborais, como a xornada”, apunta Castiñeira.
Explica que, en aras de facilitar un achegamento, a parte social mesmo abriu a posibilidade de negociar un acordo de prazos e cantidades para abonar eses atrasos, que a patronal non aceptou. De igual xeito, a representación sindical manifestou a súa disposición a ampliar a vixencia do convenio -como quere o empresariado-, “pero sempre que implique algunha contraprestación para as traballadoras”.
A isto hai que engadir as pretensións de ASPEL de modificar o cálculo dos trienios, pasando a ser unha contía fixa en vez dunha porcentaxe do salario base como se regula agora en convenio. Isto suporía para as traballadoras perder cartos nos próximos anos e que, ademais, as próximas subas do SMI non lles beneficien xa que seguirían sendo absorbidas pola antigüidade.
Aínda que a parte social tamén trasladou a vontade para seguir negociando ao longo destasemana, “dende ASPEL dixeron que non podían reunirse até o día 13”. Polo que a seguinte xuntanza da mediación será ás portas de cumprírense os dous meses de folga indefinida. “En definitiva, critica Castiñeira, hoxe evidenciouse novamente que a patronal non ten ningunha vontade de solucionar o conflito nin de garantir unhas condicións dignas para o sector”.
Asemblea de traballadoras
Na xornada de mañá, martes, está convocada asemblea de traballadoras para informar da reunión, avaliar a situación da negociación colectiva e acordar as próximas accións a levar adiante. Pola tarde, un grupo de traballadoras desprazaranse até Santiago de Compostela para asistir á sesión do pleno do parlamento onde se tratará unha iniciativa sobre a situación da limpeza de Lugo e para instar a intervención da administración galega no conflito.
Ademais, as traballadoras manteñen a caravana reivindicativa diante do edificio multiusos da Xunta e proseguirán coas accións diarias nas rúas, nas institucións e onde sexa preciso para visibilizar a súa loita e reclamar un convenio colectivo con salarios xustos e condicións dignas.