Sen avances na mediación aberta pola folga do transporte de viaxeiros/as de Ferrolterra
A reunión da mediación que tivo lugar esta mércores pola folga indefinida do persoal de Maitours (Grupo Alsa) rematou sen ningún tipo de avance, xa que a empresa se negou a negociar ningunha cuestión de carácter económico. Deste xeito, explica o responsábel de Tranportes da FGAMT-CIG, a folga indefinida iniciada o pasado 15 de xullo nos autobuses urbanos de Ferrol e as conexións con Neda e Narón continúa adiante.
A reunión, sinala Pastoriza, foi breve e na mesma non se puido abordar ningunha das demandas xa que a Maitours (empresa do Grupo Alsa que con Intercar forma a UTE que ten a concesión deste servizo) se pechou a discutir calquera cuestión que supoña un incremento económico. "Diante desta postura inmobilista, o mediador deu por rematada a reunión, sen pechar a mediación, pero sen fixar data dunha próxima xuntanza".
Hai que lembrar que o persoal de Maitours acordou ir á folga indefinida para exixirlle a empresa que cumpra xa coa sentenza xudicial e comece a aplicar o convenio colectivo de transporte de viaxeiros/as por estrada da Coruña, cando menos na parte económica que xa foi publicada no BOP.
Isto suporía que o grupo Alsa tería que abonarlle aos traballadores e traballadoras de Maitours (que levan cos soldos conxelados dende 2020) os incrementos pactados en convenio, e comezar a pagarlles a antigüidade e as dietas que agora non perciben. O persoal de Maitours, tanto o subrogado como o de nova contratación, está regulado polo convenio da exintinta Tranvías de Ferrol, de condicións inferiores ao provincial.
Unha sentenza xudicial estabelece que o convenio de aplicación ten que ser o sectorial da Coruña (polo que xa están regulados os compañeiros e compañeiras da outra empresa da UTE, Intercar), pero liga a materilización deste cambio á publicación do convenio no BOP. O problema engadido é que malia estar todo pactado, a patronal provincial leva meses adiando e buscando escusas para non senter a asinar o novo convenio.
Pero con esta folga, lembra Pastoriza, tamén se denuncian outros incumprimentos, como que a empresa non compensa os festivos traballados (nin en cartos en tempo de descanso) ou que lle segue aplicando o convenio de Tranvías ao persoal de recente incorporación, algo que constitúe "unha clara ilegalidade" xa que o marco regulador de referencia é o convenio colectivo provincial.
Neste contexto, e atendendo ao impacto que o masivo seguimento da folga ten para os usuarias e usuarios, o representante da CIG fai un chamado ás administracións implicadas para que interveñan no conflito, velen polo respecto dos dereitos laborais e salariais do persoal e pola prestación dun servizo de calidade.