Segunda xornada de folga e protestas en DIGI contra o regresivo convenio de empresa

A Coruña - 24 Set 2025

A segunda xornada de folga en DIGI está rexistrando un seguimento maioritario entre o persoal que tamén continuou co calendario de concentracións diante das tendas que a operadora de telecomunicacións ten na Coruña. Con esta folga rexeitan o convenio colectivo de empresa asinado en Madrid, xa que empeora as condicións salariais e laborais recollidas no actual convenio de aplicación, o de siderometal, e reclámanlle á dirección que sente escoitar as demandas sociais.

Hai que salientar que este I convenio colectivo de DIGI, cuxo preacordo se asinou de costas ao conxunto do persoal afectado no Estado e sen contar coa súa participación, levaría a unha situación insólita no sector: que o persoal da empresa principal teña condicións inferiores ao das subcontratas, que se regulan polo convenio do metal. 

Entre outros recortes, de aplicarse o I convenio de empresa (que aínda non está publicado) o persoal celador pasaría a cobrar 5.800 euros menos ao ano, o persoal técnico de instalación e mantemento perdería até 6.600 euros anuais, e os mandos intermedios deixarían de percibir arredor de 6.800 euros ao ano. Ademais, perderíanse as melloras salariais e as actualizacións automáticas pactadas no convenio do metal da Coruña e tamén se verían reducidos os pluses de asistencia, dietas ou extras.

Co novo convenio tampouco se recoñecería o tempo de desprazamento como tempo efectivo de traballo, habería menos vacacións devindicadas e produciríase unha precarización dos novos contratos, xa que este persoal accedería ao posto con remuneracións por debaixo das táboas salariais do sector e sufrirían conxelación salarial durante anos.

Para evitar esta precarización, os traballadores e as traballadoras acordaron iniciar mobilizacións en agosto, ir á folga tres días esta semana para defender unhas condicións económicas e laborais dignas. De feito, noutros territorios como Eskadi ou Cantabria o persoal de DIGI tamén está realizando folgas e mobilizacións.

Doutra banda, a CIG rexeita as declaracións feitas no día de onte pola empresa acusando o persoal de accións violentas e sabotaxes e desminte con total rotundidade que se producise ningún altercado durante a concentración na tenda da rúa Juan Flórez, tal e como apareceu publicado nalgún medio. Ao contrario, foi a empresa quen, coas súas prácticas de esquirolaxe, vulnerou e violentou o dereito fundamental á folga do seu persoal. Feito que xa foi denunciado na Inspección de Traballo.