Seguimento total no inicio da folga indefinida na recollida do lixo de Carballo
Ás 22:30 horas deste domingo daba comezo a folga indefinida do persoal do servizo de recollida do lixo, a limpeza viaria e a canceira do Concello de Carballo en demanda dun convenio colectivo digno. Ao paro indefinido chégase tras a falta de avances na negociación coa empresa concesionaria, UTE Carballo (Urbaser e Servicios Gallegos de Lacería), que segue en trasladar unha proposta económica xusta.
O seguimento na quenda de noite, explica o responsábel da CIG de Carballo, Martín Caamaño, foi total e na quenda da mañá só entrou traballar o persoal designado como servizos mínimos. Engade que, para darlle máis visibilidade á súa loita, ao longo desta semana os traballadores e as traballadoras teñen previsto mobilizarse polas rúas do centro da vila.
O representante da CIG salienta que, logo de meses de negociación e das 28 xornadas de folga previas, a empresa non só continúa sen achegar unha proposta de incremento salarial digna, senón que nas últimas semanas incluso a empeorou, presentando unha oferta que practicamente suporía deixar as retribucións de 2024 conxeladas, a pesar de que todas as categorías da UTE Carballo están a día de hoxe no SMI.
"A proposta de Urbaser non pode cualificarse máis que de burla, porque significaría, para un peón de día, cobrar 2 euros máis ao mes. E aínda por enriba só se percibirían atrasos dende xuño", denuncia.
Por iso, Caamaño critica que coa súa actitude, "a empresa non lle deixa outra saída ao persoal que ir á folga e intensificar as mobilizacións para lograr un convenio digno e unhas mellores condicións de traballo". A este respecto, lembra que, alén dos incrementos salariais, a UTE Carballo tampouco acepta outras demandas da partes social, como o estabelecemento dun complemento de IT no caso das baixas por enfermidade profesional ou común -este é sector que soporta unha especial penosidade por traballar a quendas, ao aire libre e está sometido a un altos índices de toxicidade-.
"Urbaser é unha multinacional que gaña millóns de euros e que goza de numerosas concesións públicas, mentres ten o seu persoal cunhas condicións de miseria". Caamaño reitera a firme decisión dos traballadores e das traballadoras a pelexar por unhas condicións dignas e a disposición a seguir negociando. Pero reclámalle á empresa que abandone o seu inmobilismo, deixe de xogar co persoal e coa veciñanza de Carballo, e presente dunha vez unha proposta seria que permita chegar a un acordo e rematar co conflito.