Seguimento total na primeira xornada de folga na UTE Atlántica por un convenio digno
A primeira xornada de folga convocada na UTE Atlántica (empresa que ten adxudicado o servizo de mantemento, limpeza e reposición de contedores da Coruña) está sendo un éxito, cun seguimento de persoal practicamente do 100%. Iso a pesar dos servizos mínimos abusivos impostos polo Concello e dos intentos da empresa de presionar as traballadoras e traballadores (especialmente intensas foron co persoal eventual) para facer fracasar a convocatoria.
Tanto na quenda de noite como na quenda de mañá só entraron a traballar os servizos mínimos e un par de traballadores temporais. Ademais, o persoal mantén un piquete informativo na entrada da planta de Nostián -onde a UTE ten as naves e a maquinaria-, que aproveita tamén para explicarlle aos compañeiros e compañeiras de Albada e dos servizos da recollida de lixo da Coruña e do Consorcio das Mariñas por que están en folga e cales son as a súas demandas.
Ante a falta de movementos por parte da UTE Atlántica, os traballadores e traballadoras seguen firmes nas súas demandas reivindicando melloras económicas que permitan recuperar o poder adquisitivo dos salarios e melloras nos dereitos sociais que rematen coa discriminación que existe entre o cadro de persoal do servizo.
Neste senso, critican que dende o mes de abril que se iniciaron as negociacións do convenio, a parte social foi presentándolle á empresa (unha UTE formada por Sacyr, Arias Infraestruturas e Sulo Iberica SA) diferentes propostas para avanzar nun acordo, pero neste momento a dirección mantén unha oferta inamobíbel que non dá resposta ás demandas do persoal.
A patronal pretende que se lle asine un convenio a cinco anos cun incremento salarial medio de menos do 2% (cando o IPC de outubro xa acadou o 5,4% e a inflación media de 2021 está no 2,5%) e negáse en redondo a aplicar un incremento a todo o cado de persoal sen absorcións ou compensación con outros complementos que xa teñen recoñecidos os traballadores e traballadoras que foron subrogados da anterior concesionaria.
Pero o máis grave é que rexeita de maneira sistemática facer extensivo ao conxunto do persoal o dereito ao complemento do 100% do salario cando se está de baixa, consolidando así discriminacións entre traballadores/as e a precariedade do persoal eventual e de nova incorporación. Unha actitude miserábel que evidencia a avaricia desta patronal, pois aplicar este dereito a todo o persoal teríalle un custe económico irrisorio.
Críticas aos servizos mínimos abusivos
Doutra banda, o persoal critica ao Concello da Coruña polos abusivos servizos mínimos impostos, que se van recorrer en vía xudicial por vulnerar o dereito fundamental de folga.
Ao tempo, lamentan que o goberno local, a pesar de ser esta unha actividade considerada esencial, non estea a exercer o seu labor de mediación, cando é titular do contrato e cando debería velar porque os traballadores e a traballadoras que prestan os servizos municipais teñan unhas condicións laborais e salariais dignas, aínda que estes servizos estean externalizados.
Nova xornada de folga o día 26
De non producírense avances significativos na negociación, os traballadores e as traballadoras xa teñen convocada unha nova xornada de folga para o día 26 de novembro.