Seguimento total na primeira xornada de folga en Leche Celta SLU polo convenio
A totalidade dos traballadores e as traballadoras de Leche Celta SLU secundan este luns a primeira xornada de folga para esixir o desbloqueo da negociación do convenio colectivo de empresa. Coincidindo coas horas de paros (que se realizan en horario de 12 a 16 horas) o persoal mantén unha concentración diante da planta de Andrade (Pontedeume) nun ambiente lúdico-reivindicativo.
Este primeiro día de paro laboral está sendo todo un éxito xa que, segundo informou o secretario confederal de Emprego da CIG, Francisco Xabier Cartelle, só entraron os cinco traballadores/as designados para os servizos mínimos de mantemento das instalacións. O resto do persoal en folga mantén unha protesta nas portas da fábrica berrando consignas contra o bloqueo patronal das negociacións.
Acadar melloras salarial, obxectivo fundamental
O convenio estase negociando dende o pasado ano, pero neste tempo non se produciu ningún avance porque a dirección, de xeito sistemático, presenta propostas salariais ridículas. Cartelle explica que é fundamental nesta negociación acadar unha mellora dos salarios, posto que arredor do 70% do persoal de Leche Celta (preto de 180 traballadores/as) é mileurista.
O convenio que rexe en Leche Celta é o estatal de industrias lácteas e logo de moito batallar, o persoal conseguiu que a empresa aceptara negociar un convenio propio. O que se demanda na plataforma social "é un incremento dos salarios que os converta en salarios dignos", valora Cartelle. Xunto a isto, unha cláusula de revisión que garanta que se o convenio estatal sube por riba do incremento pactado, aplicaríase o incremento do convenio estatal máis o 1,5%.
O cálculo para este incremento, engade o secretario confederal de Emprego, baséase nos beneficios millonarios obtidos pola empresa nos últimos exercicios, pois mentres "o custe salarial da alta dirección medraba un 3.5%, os custes salariais do cadro de persoal descenderon un 0.4%".
Novas xornadas de paros
Os paros seguirán os días 30 e 31 de outubro, 6, 7 e 8 de novembro, e así sucesivamente até o 2 de decembro. Se para esa data non se teñen producido avances significativos na negociación, o comité non descarta endurecer as medidas de presión e ampliar a convocatoria de paros.