Seguimento total na folga do persoal de Navantia por un convenio digno
A totalidade dos traballadores e traballadoras dos estaleiros de Navantia Ferrol e Fene están secundando este xoves a xornada de folga de 24 horas para reclamar avances nas negociacións do convenio colectivo. O paro xeral desenvólvese das 22 horas do mércores até ás 22 horas deste xoves, afecta a todas as quendas laborais e transcorre sen ningún tipo de incidente. Os piquetes informativos despregados ás portas dos estaleiros puideron comprobar como, en cada quenda, só accedían ás instalacións os servizos mínimos.
A folga enmárcase no calendario de mobilizacións e paros que o persoal da ría de Ferrol está a desenvolver dende hai meses para reclamar un convenio colectivo digno e un plan de investimentos e novas incorporacións que garanta o futuro da actividade produtiva nos estaleiros públicos galegos. O secretario do comité e delegado da CIG, Marcelino Amado, denunciaba a dilación excesiva desta negociación e a fartura do cadro de persoal ante esta situación. “Non é de recibo o que lle están a facer ao persoal de Navantia con tanto tempo de negociación sen avances”, critica, e acusa a empresa de prolongar as conversas de maneira intencionada.
A este respecto, Amado explica que a parte social, que ten consensuados case todos os puntos do convenio, marcouse como data límite deste calendario de negociación o 30 de novembro. A próxima semana haberá tres días de reunión intensiva da mesa para tentar acadar un principio de acordo que poder trasladarlle aos traballadores e traballadoras.
Porque, apunta, cuestións fundamentais como a clasificación profesional, as promocións de persoal técnico superior e da man de obra ou algúns dos pluses de mando están sen negociar porque as propostas da empresa “difiren moito das demandas da parte social”. Noutros temas como a redución da xornada, de especial relevancia para o persoal, Navantia ni sequera formulou unha proposta.
Falta por concretar tamén no articulado do convenio a relación da empresa principal coa industrial auxiliar no sentido de garantir a través dos pregos de contratación a aplicación das táboas salariais do convenio de siderometal ao persoal das contratas. Outra materia aínda pendente é a relativo á recuperación salarial.
Amado engade que queda por mellorar aínda o contrato relevo que propuxo a compañía, e hai que acordar as saídas e como se regulan as condicións das entradas. “Necesitamos que todo isto se poña nun documento que sirve para traer a fábrica e poder avalialo cos traballadores e as traballadoras”, asevera. “Despois de dous anos, a negociación debería rematar. A empresa non ten escusa para non pór todo enriba da mesa e termos xa un documento”.
Tras meses de mobilizacións, paros e dunha xornada de folga exitosa en todos os centros de Navantia, “agardamos que a empresa reflexione e que nesas tres xornadas intensivas de reunións da próxima se produza o necesario achegamento”.