Seguimento total da folga en Einsa en rexeitamento ao ERE e para demandar unha alternativa de futuro
A práctica totalidade dos traballadores e as traballadoras de Einsa Print están secundando a xornada de folga convocada este venres en rexeitamento ao ERE formulado pola empresa e para reclamar un plan de viabilidade que garanta a continuidade de todos os empregos e da actividade produtiva. O paro xeral, que se iniciou ás 22h do xoves, afecta a todas as quenda de traballo e continuará tamén na xornada de mañá, sábado 18 de novembro.
Para dar máis visibilidade ás súas reivindicacións, o persoal mantén unha concentración permanente ás portas da planta de Penapurreira e entre ás 12 e ás 14 horas trasladou a protesta ás rúas de Pontedeume, localidade na que Einsa ten outras instalacións.
O calendario de mobilizacións para reclamar a retirada do expediente de despedimento colectivo continuará a próxima semana cunha nova xornada de folga o mércores 22. Ese día terá lugar reunión do período de consultas e, con tal motivo, está previsto que o persoal se desprace en autobús até Santiago de Compostela para concentrarse ás 11 horas diante do Consello Galego de Relacións Laborais, por se r o lugar onde se desenvolven as xuntanzas coa empresa.
Así mesmo, está convocada folga para os días 29 e 30 de novembro, coincidindo co remate do período de negociacións do ERE. A este respecto, o presidente do comité, Daniel Pena, úrxelle ás administracións que se impliquen na defensa dos postos de traballo e convoquen unha reunión na que participen o Ministerio de Industria, a Consellaría, o Concello das Pontes, a empresa e a representación do persoal co obxectivo, entre outras cuestións, de suspender o período de negociacións para buscar alternativas ao plan de despedimentos.
A empresa teima nos despedimentos
Pena explica que na xuntaza de onte xoves, a empresa presentou un plan de recolocación que mellora un chisco o que a marca a lexislación sobre os ERE pero mantén inmobíbeis o número de persoas afectadas e nin sequera mellora as contías das indeminizacións máis alá dos 20 días por ano traballado que estipula a lei.
Neste senso denuncia que o único plan de viabilidade da Einsa sexa despedir a 154 traballadores e traballadoras nas Pontes e lembra que a empresa recibiu millonarias axudas públicas ao longos destes anos.
De feito, engade o presidente do comité, preguntados sobre que plans hai para a planta de Penapurreira, os avogados da empresa sinalaron que se van manter todas as máquinas pero só haberá persoal para atender unhas poucas, obrigando a ter a maior polivalencia posíbel para ir cambiando de posto en función do traballo que haxa.
"Non vemos que sexa viábel nin para afrontar a actual carga de traballo nin para conseguir novos contratos", advirte. Por iso, a representación social sospeita que Einsa ten outros proxectos para a planta das Pontes "que non nos quere contar".
Así as cousas, o persoal reitera o chamado ás administracións para fagan todas as xestións necesarias para evitar esta nova desfeita laboral nas Pontes, nunha empresa ademais que foi a insignia dos plans de reindustrialización tras o peche da mina.