Seguimento masivo no segundo día de folga nos autobuses de Ferrol malia os intentos de Alsa de boicotear o paro
O segundo día da folga en Maitours (Alsa Ferrol) para reclamar a aplicación do convenio provincial do secotr está a rexistrar tamén un seguimento do 90% do cadro de persoal. A FGAMT-CIG quere denunciar publicamente a actuación da empresa nesta xornada xa que manobrou para tentar que saíran liñas regulares no medio dos servizos mínimos decretados para o horario da mañá.
A actuación dos piquetes informativos, explica Bea Fernández, responsábel de Transportes da FGAMT-CIG de Ferrol, impediu este atropelo xerándose algún momento de tensión entre o persoal e a empresa. A este respecto, Fernández critica a actitude "chulesca e prepotente" da dirección buscando boicotear a folga e desprezando a loita do persoal contra os incumprimentos patronais.
Ademais, denuncia as tentativas do grupo Alsa de utilizar persoal da outra empresa que integra a UTE do contrato das liñas de Ferrol, Narón e Neda, e que non está afectada pola folga, Intercar, para facer os servizos de Maitour. "É bastante obvio que a empresa está a facer esquirolaxe. A asesoría xurídica da CIG xa está analizando estas actuacións e imos presentar a correspondente denuncia na Inspección de Traballo e nos xulgados por vulneración do dereito á folga", avanzou Fernández.
Por se non fora abondo, para minimizar os efectos do paro e cubrir o maior número posíbel de servizos, a empresa "está recorrendo a persoal, a maioría eventual, para que dobren quenda, o que non é legal, xa que se está saltando os cadrantes anuais de traballo".
A representante da CIG salienta o apoio masivo dos traballadores e as traballadoras á folga indefinida e reclámalle á empresa que abandone a súa postura inmobilista e cumpra coas obrigas legais. É dicir, que comece a aplicarlle ao persoal de Maitours o convenio colectivo provincial do transporte de viaxeiros/as e lles actualice a condicións salariais e laborais para equiparalas ao resto do persoal do sector.
Porque, hai que lembrar, un dos principais motivos que levaron á convocatoria de folga é a negativa de Alsa a aplicar as táboas salariais do convenio, malia que xa foron publicadas no BOP. Deste xeito, as e os traballadores de Maitours, a diferenza do resto de compañeiros/as do sector, levan cos soldos conxelados dende o ano 2020, xa que a empresa lles continúa aplicando o convenio que traían cando viñeron subrogados de Tranvías de Ferrol.
Ademais, a empresa tamén regula por este convenio ao persoal de recente incorporación, o que constitúe unha clara ilegalidade; non compensa a os festivos traballados (nin en cartos en tempo de descanso); e non cumpre tampouco con outros acordos laborais.
Neste contexto, a CIG insta á Xunta e aos concellos afectados a que interveñan de maneira activa no conflito para velar polo cumprimento da legalidade, para que se respectan os dereitos dos traballadores e das traballadoras e garantir unhas condicións dignas que xa están recollidas no convenio colectivo de referencia. Precisamente, hoxe a CIG e representantes do persoal xuntáronse con representantes do Concello de Narón e de Neda para explicarlles os motivos da folga e demandar o apoio das corporacións á loita do persoal.
A CIG tamén urxe a patronal sectorial para sente e asine a actualización do convenio provincial, "pois unha vez publicado no BOP, Maitours non ten excusa para seguir adiando a súa aplicación".