Seguimento masivo da folga nas escolas infantís privadas en demanda dun convenio digno
As traballadoras e traballadores das escolas infantís privadas ou de xestión indirecta -etapa 0-3 anos- están secundando a primeira das catro xornadas de folga convocadas para reclamar un convenio digno e uns salarios xustos. Para visibilizar as súas demandas, varios centos de traballadoras concentráronse nas cidades de Vigo e A Coruña para denunciar o bloqueo patronal á negociación dun convenio no que as táboas xa quedaron por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional.
Esta é a segunda folga que vive o sector, que en Galiza agrupa a unhas 2000 persoas e uns 200 centros, en resposta ao inmobilismo e ao desprezo da patronal xa que tras máis dun ano e 10 reunións nada se avanzou nun acordo que permita ás traballadoras recuperar o poder adquisitivo perdido e obter uns salarios dignos e xustos, acordes coa responsabilidade do seu labor educativo e social coas crianzas.
Pero é que ademais, a patronal rexeitou as múltiples propostas feitas pola parte social no resto do articulado, no referente a melloras laborais e sociais, ben non respondendo ou mesmo propondo involucións en dereitos que non teñen xustificación dada a precariedade actual do convenio no seu conxunto.
A patronal pretende atrasar a actualización dos soldos
No manifesto lido durante as concentracións denunciouse que a actitude das organizacións patronais evidencia a falta de vontade negociadora "co ánimo de atrasar e evitar afrontar a necesaria actualización dos salarios, que actualmente se atopan por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional (SMI), e conxelados dende o 2021, impedindo así que as traballadoras poidan recuperar o poder adquisitivo perdido e telos actualizados". Xunto a isto, a patronal nega a necesidade de incrementar o diferencial salarial para as educadoras infantís e tamén se opoñen á aprobación dunhas táboas salariais equilibradas, dignas e xustas para todo o sector.
Por iso, ao remate das protestas de Vigo e A Coruña xa se advertiu que de non producírense avances significativos, a folga repetirase os días 25 de outubro e 8 e 15 de novembro. Nesta liña, fíxose un chamamento ao resto de organizacións sindicais para que abandonen a súa postura e se sumen á loita por un convenio digno. O persoal acusa a UGT, USO e FSIE "de incumprir o compromiso acadado en xullo" e de romper a unidade sindical sen xustificación "para volver ao entreguismo", deixando así "tiradas as traballadoras dun dos sectores máis precarizados do noso país".
Servizos mínimos abusivos
Sobre a marcha da folga, o responsábel de ensino privado da CIG-Ensino, Henrique García, explica que, dada a atomización dos centros, sobre todo privados e sen representación sindical, o seguimento foi moi desigual. "Non temos dados de todos, pero dos que puidemos sondear estamos nos números da folga de xuño, por enriba do 80%", sinala. Denuncia que os servizos mínimos abusivos impostos pola Xunta e moitos concellos, no último día, provocou moita confusión e temores de que facer nunhas traballadoras e un grande enfado e activación da mobilización noutras.
Neste senso, García critica que as escolas privadas impuxeron, "mal asesoradas polas patronais maioritarias presentes na mesa negociadora, servizos mínimos ilegais por seguidismo dos decretados polas administracións". Estes servizos serán denunciados polas centrais sindicais ante a xustiza, "para que noutras convocatorias non se volvan repetir e reciban a sanción que lles corresponda pola vulneración do dereito á folga das traballadoras e incluso moitas ameazadas por certas patronais".
Finalmente, García insistiu en que a CIG seguirá esixindo negociacións de ámbito galego, para que teñan maiores posibilidades de mellorar as condicións salariais e laborais.