Seguimento maioritario na quinta xornada de folga por un convenio digno no transporte en autobús da Coruña
A quinta xornada de folga no transporte por estrada de persoas viaxeiras está rexistrando un seguimento maioritario co servizo de autobús practicamente paralizado en toda a provincia da Coruña. Nesta nova xornada de folga, que nesta semana continuará mañá martes e o venres, o persoal concentrouse no edificio de Mobilidade da Xunta na Coruña, nas cocheiras da empresa Monbús en Amio (Santiago de Compostela) e diante do edificio da Xunta en Ferrol para reclamar o desbloqueo inmediato da negociación e un convenio que mellore as condicións laborais e salariais do sector.
A negativa da patronal a sentar negociar e o inmobilismo nas propostas presentadas (que se limitaron a un incremento irrisorio dos soldos do 2% sen tocar ningunha outra materia) encamiñan a unha intensificación da folga e "a que este conflito se converta nun dos máis duros que se lembran no sector". Hai que lembrar que no mes de decembro os traballadores e traballadoras xa secundaron catro días de folga, este mes de xaneiro están convocadas seis xornadas de paro xeral máis e, de non producírense avances, a folga adquirirá carácter indefinido a partido de febreiro.
Neste contexto, o representante da FGAMT-CIG, Ernesto López, critica a pasividade da Xunta de Galiza ante o conflito e advirte que, coa súa inacción, a administración galega reforza a patronal nas súas posicións sen importarlle nin as condicións nas que o persoal ten que realizar o traballo, nin as consecuencias que a folga ten para as persoas usuarias, que non dispoñen do servizo. “Pero a responsabilidade única de que esteamos en folga e de que a xente quede nas paradas é da patronal, de Monbús, Alsa e Arriva; e da Xunta de Galiza por non facer nada”, asevera.
López Rei engade que o convenio leva catro anos caducado, que xa foi superado pola normativa actual en materias como conciliación ou control horario e que os salarios do persoal están conxelados dende 2024. Por iso, sinala que as reivindicacións son tan básicas como acadar incrementos salariais dignos e unha cláusula de revisión ao IPC, a redución da xornada laboral e a limitación da xornada a disposición das empresas, e mellorar os permisos retribuídos e os dereitos de conciliación, así como avanzar nos dereitos do persoal acompañante do transporte escolar que sufre condicións moi precarias.
“Non sabemos cal é a estratexia da patronal negándose a negociar, parece que nos queren levar ao esgotamento. Pero que teñan claro que non imos cansar e que a loita continuará até lograr un convenio digno”, conclúe.