Seguimento maioritario na primeira xornada de folga no metal de Lugo por convenios dignos
O persoal manifestouse polo polígono do Ceao para visibilizar a súa disposición a loitar por unha mellora real dos salarios e das condicións de traballo
A primeira xornada de folga en demanda de convenios colectivos dignos no siderometal e no comercio do metal de Lugo está resultando un éxito de seguimento, coa actividade da maioría das empresas da provincia paradas e o persoal mobilizándose na rúa.
Os piquetes informativos despregáronse dende primeira hora da mañá nos polígonos e principais centros de traballo de Lugo, A Mariña, Vilalba ou Monforte e concorreron contra o mediodía na capital da provincia nunha multitudinaria manifestación para demandarlle á patronal melloras reais nos salarios e avances nos dereitos laborais e sociais.
Ao inicio da marcha, Afonso Losada e Xosé Paz, secretarios da CIG-Industria e da CIG-Servizos de Lugo-A Mariña, realizaban unha valoración moi positiva do amplo seguimento desta primeira xornada de folga, que se desenvolveu sen ningún tipo de incidente.
Losada explicou que na súa última oferta -remitida por whatsapp-, a patronal fixo un pequeno movemento do 2% en materia salarial “que segue sendo insuficiente”, ao igual que a proposta de redución da xornada, “que se limita a catro horas e só para o convenio de siderometal”, deixando sen esta mínima melloría ao persoal regulado polo convenio de comercio do metal.
Neste senso, Xosé Paz, destacou que na provincia ambos convenios se negocian de xeito paralelo “polo que non imos tolerar a diferenciación entre estes dous sectores” nin que se pretende discriminar entre as condicións do persoal.
Alén disto, a patronal tampouco asume as demandas sociais relativas á ampliación das coberturas en situación de IT ou á revisión salarial para garantir o mantemento do poder adquisitivo, nun contexto de alza dos prezos e medre da carestía da vida.
Losada e Paz apuntaron que non está fixada unha nova reunión da mesa, pero reiteraron a disposición da representación sindical a continuar negociando. Sobre as principais reivindicacións, destacaron un incremento salarial digno, unha cláusula de revisión ao IPC “que é irrenunciábel”, a redución da xornada laboral, mellorar as coberturas nas baixas ou as licencias.
Porén, xa advertiron que, de non producírense avances que permitan pechar un acordo xusto, o vindeiro 21 de outubro o persoal volverá á folga “e avaliará novas convocatorias, conscientes de que só coa loita se conseguirán convenios dignos”.