Seguimento maioritario na décima xornada de folga do transporte en autobús coa vista posta na mediación
A décima xornada de folga no transporte de persoas por estrada volveu paralizar a actividade nas principais estacións da provincia da Coruña e evidenciar a determinación das traballadoras e traballadores a pelexar por un convenio digno. A xornada desenvólvese sen incidencias e coa vista posta na reunión da mediación que terá lugar o vindeiro luns, ás 10 horas, no Consello Galego de Relacións Laborais.
Para darlle visibilidade á súa loita, ademais dos piquetes informativos despregados dende primeira hora, o persoal concentrouse na estación da Coruña e diante do edificio da Xunta en Ferrol, mentres que en Compostela saíron en manifestación dende as cocheiras de Monbús en Amio.
Sobre as expectativas que poida haber de cara á reunión do luns, Ernesto López, representante da CIG na mesa do convenio, salientou as enormes dificultades para “que a patronal asumira que este conflito só se resolve negociando”. Criticou que o empresariado “entenda as relacións laborais como se estiveramos no século XIX” e apuntou directamente á responsabilidade a Monbús no enquistamento do conflito.
“Agora asumiron que hai que sentar e levaremos ás nosas reivindicacións á mesa sen pretensión de rebaixar nada”, aseverou. López Rei demandou altura de miras á patronal para acudir á mediación con vontade real de negociar e con propostas que permitan avanzar nun acordo de convenio.
Neste senso, lembrou que as principais demandas refírense a un incremento salarial digno cunha cláusula de revisión ao IPC, rebaixar a xornada laboral e limitar a xornada a disposición, incorporar e actualizar os dereitos en materia de permisos e os días de asuntos propios, facilitar o acceso á xubilación parcial con contrato-relevo ou mellorar as condicións do persoal acompañante.
O representante da CIG foi moi crítico co papel da Xunta de Galiza no conflito, que malia ser a titular das concesións “permanece agochada, sen vontade de solucionar nada e sen importarlle sequera os dereitos das persoas usuarias”.