Seguimento do 80% na folga de XEAL en demanda dun plan industrial e a negociación do convenio colectivo
A xornada de folga nas fábricas de Cee e Dumbría e as centrais hidroeléctricas está rexistrando un seguimento do 80% do persoal. O amplo respaldo ao paro (que afecta a todas as quendas e unidades) evidencia a rotunda demanda do conxunto dos traballadores e das traballadoras: que a empresa sente xa a negociar o convenio colectivo propio, cuxo decaemento forzou a propia dirección tras máis de catro décadas aplicándose.
“A empresa ten que dar unha solución a este conflito e abandonar a súa postura antidialogante e intransixente. Iso é o que lle estamos demandando as traballadoras e os traballadores hoxe con esta folga”, explica o presidente do comité, Alfonso Mouzo.
Critica a falta de vontade negociadora da dirección que onte mesmo, na mediación para determinar os servizos mínimos, rexeitou a proposta trasladada polo comité de suspender a folga se había disposición por parte da empresa para fixar unha reunión a próxima semana para iniciar a negociación do convenio. “Estábamos dispostos a suspender a folga, pero a empresa rexeitouno. Unha demostración máis de que só lle interesa manter a produción de enerxía”, reitera Mouzo.
Neste senso, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, considera que a empresa "non ten escusa de ningún tipo para non sentar negociar o convenio, poñer as fábricas a pleno rendemento e saír desta situación de crise industrial que XEAL impuxo coa parada dos fornos”.
Responsabilidade da Xunta
Para Mouzo, diante destes ataques aos dereitos do persoal e á continuidade futura das fábricas, “a Xunta non pode seguir pasiva; ten que poñerse do lado do persoal e da actividade industrial e obrigar a unha empresa como esta, que goza de concesións públicas, a sentar negociar o convenio e a pór en marcha de inmediato un plan de viabilidade”.
Porque ademais, XEAL continúa sen presentar un plan industrial e de viabilidade das fábricas, tal e como obrigan as cláusulas concesionais, un calendario de reactivación dos fornos (xa que só hai un forno producindo a mínimos en cada unha das factorías), compromisos para a recuperación do emprego destruído (tanto na principal como nas auxiliares), ou materializar os investimentos comprometidos.
Desaparición do servizo de práctico
“Agora para afondar máis no desmantelamento das fábricas, advirte Mouzo, queren trasladar a grúa do porto de Brens e deixar sen servizo de práctico a ría de Corcubión, impedindo deste xeito que se poida descargar a materia prima que chega nos barcos e cargar as ferroaliaxes para a súa exportación”.
Lembra que a redución nos custes do servizo de practixe acordado pola Xunta provocou que a licitación quedara deserta e que “a partir de finais de mes poidamos quedar co porto inutilizado”.
Por iso, durante a concentración realizada ao mediodía na fábrica de Brens, tamén se reclamou do Goberno galego unha solución urxente que garanta o mantemento do servizo e que non se traslade a grúa ao Porto Exterior da Coruña.