Seguimento do 100% na folga da recollida do lixo de Carballo durante a quenda de noite
A primeira das xornadas de folga convocadas no servizo de recollida do lixo do Concello de Carballo rexistra un seguimento do 100% na quenda de noite, xa que ningún traballador acudiu ao seu posto. O paro prolongarase até ás 15h deste luns e repetirase os días 20 e 21 e do 23 ao 25 de xuño, coincidindo coas festas do San Xoán.
A decisión de convocar a folga adoptouse polo bloqueo da negociación do convenio colectivo por parte da empresa concesionaria (unha UTE integrada por Urbaser SA e Servicios Gallegos de Lacería SL), que nin sequera comunicou os servizos mínimos en tempo e forma, senón que os colgou a última hora no taboleiro do centro de traballo, imposibilitando así que a representación do persoal puidera presentar alegacións.
Sobre os motivos da folga, o responsábel da CIG de Carballo, Martín Caamaño, lembra que pesar de que os traballadores e traballadoras están cobrando o salario mínimo interprofesional, a empresa limitouse a presentar unhas táboas nas que os soldos no ano 2024 quedarían pouco máis de 20 euros mensuais por enriba do SMI. Mentres que para os seguintes anos de vixencia do convenio (2025 e 2026 ofreceu un miserento incremento de entre o 1,7% e o 2%.
UTE Carballo tampouco quere asumir a reivindicación dun complemento de IT do 100% no caso das baixas por accidente e nas continxencias comúns, aínda que se trata dun sector de especial perigosidade e penosidade por traballar a quendas, ao aire libre e sometido a un altos índices de toxicidade.
Fronte ás raquitícas propostas da empresa, o persoal reclama unha suba xusta que aproxime os seus salarios aos que xa perciben os compañeiros e compañeiras deste sector en concellos de características similares a Carballo; que se garanta que todas as categorías están por enriba dos incrementos do SMI; e incluír no convenio unha cláusula de revisión salarial referenciada ao IPC real.